Produtos de horta nun clic

Alumnos do CPI de Cervantes presentan, dentro do programa Lanzadeiras, unha empresa de cultivo ecolóxico, cuxos produtos poderá adquirir o consumidor a través dunha páxina web
Cultivo da horta. EP
photo_camera Cultivo da horta. EP

Desenvolver unha páxina web que sirva para promocionar toda a riqueza natural, cultural e etnográfica do municipio de Cervantes, pero tamén para comercializar produtos ecolóxicos recollidos directamente dunha horta propia. Este é o proxecto de negocio que o CPI de Cervantes presentou á edición deste ano do programa Lanzadeiras, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades coa que se pretende fomentar o emprendemento entre o alumnado e que conta coa colaboración da Fundación Alcoa e El Progreso.

Esta empresa cervantega, denominada Horta e Media, implica aos alumnos de sexto de primaria e de primeiro a cuarto da Eso, que se repartiron en varios grupos de traballo.

Así, o pasado mes de novembro, despois de realizar os necesarios movementos de terra e construción de bancais, o departamento de Produción —integrado por alumnos de sexto de primaria e segundo da Eso— comezou a sementar os primeiros vexetais, como verzas, cebolas, plantas aromáticas, perexil ou cenorias. Aínda que moitos temían que as xeadas do inverno acabasen por estragar os cultivos, despois viron con satisfacción como en marzo xa puideron recoller as súas primeiras verzas ou leitugas.

Ademais, para enriquecer o terreo co fin de poder dispoñer dunha maior variedade de cultivos, sementáronse nabos e puxéronse en marcha composteiros, cos que poden converter os residuos orgánicos en abono.

O departamento Creativo (3º da Eso) foi o encargado de desenvolver a páxina web, a través da que se comercializarán os produtos e, ademais, tamén se encargaron de deseñar o logotipo da empresa.

Os alumnos de cuarto da Eso foron, pola súa banda, os encargados de dar os pasos adecuados para constituír administrativamente a empresa e encargaranse ademais da procura de provedores, cálculo de custos e prezos de venda.

O proxecto finalizará o próximo mes de setembro cando a páxina web e a tenda en liña estean xa plenamente operativas.

Con esta idea de negocio, adaptada ás particularidades dos municipios da Montaña marcados polo illamento e a despoboación, implicouse á práctica totalidade do alumnado e o profesorado do centro. Así, baixo a coordinación da profesora de Bioloxía e Xeoloxía, Sara Noelia Pereira Costa, tamén se contou coa colaboración dos profesores de materias como TIC, Xeografía e Historia, Física e Química, Economía, Primaria, Tecnoloxía e Lingua Castelá.

Comentarios