As primeiras xornadas para coñecer a Montaña atraen tamén veciños da comarca

O grupo Xuventude do Navia congratúlase pola boa acollida á súa primeira actividade, que contou con charlas e visitas guiadas
Pegerto Saavedra guiou o roteiro por Navia. XUVENTUDE DO NAVIA
photo_camera Pegerto Saavedra guiou o roteiro por Navia. XUVENTUDE DO NAVIA

O grupo Xuventude do Navia acaba de botar a andar coas xornadas Coñece Ancares, unha iniciativa nacida para atraer xente á Montaña luguesa ben coa idea de visitala, ben coa idea de quedar.

E unha vez finalizada a primeira toma de contacto, celebrada este sábado, desde o colectivo, Julia Gegunde non pode máis que congratularse pola boa acollida. E é que non só se completaron en tempo récord as 30 prazas dispoñibles -con asistencia ás actividades, aloxamento e transporte incluídos-, senón que a programación atraeu numerosos veciños da propia Navia de Suarna e da contorna.

Integrantes do grupo Xuventude do Navia, promotor da iniciativa. EP
Integrantes do grupo Xuventude do Navia, promotor da iniciativa. EP

"As charlas estiveron moi concorridas, algunha con ata 70 asistentes, e o roteiro foi todo un éxito", contaba Julia Gegunde sobre a xornada do sábado que comezaba coa presentación do colectivo do que forma parte, a cargo de René Horta, e que continuaba cun paseo por Navia. No percorrido, guiado polas explicacións do catedrático en Historia Moderna na USC Pegerto Saavedra, os presentes adentráronse nas orixes da vila, do castelo e da ponte medieval, pero tamén no modo de vida que existía antigamente na comarca. "A xente de Navia tamén aprendemos moito", agregaba a moza, vinculada como os seus compañeiros de agrupación á vila naviega.

Os participantes felicitaron aos promotores das xornadas pola boa organización e os aloxamentos escollidos

Xa pola tarde, o catedrático de Botánica na USC Antonio Regueiro falou da flora e da vexetación nos Ancares; Alberto Uría, da asociación Corripa, abordou a diversidade entomolóxica que poboa a Reserva da Biosfera; e Óscar Rivas, da Fundación Oso Pardo, expuxo a realidade desta especie na zona e a súa recuperación.

"Houbo xente que nos felicitou pola organización e polos aloxamentos nos que se quedan", apuntaba tamén Julia Gegunde sobre os negocios Casa do Catalán, o hotel rural Suarna e o hostal restaurante A Escola, todos eles na Proba.

As actividades continuaron este domingo, neste caso cunha ruta desde Piornedo que levou os participantes ata o pico Mustallar, guiados por Lola e Isolina, de Piornedo Anda; unha visita á palloza Casa do Sesto e a correspondente clausura, con petiscos e música a cargo de varios integrantes do grupo De Ninghures.

Comentarios