"A primeira vez que puxemos un uniforme non nolo quitamos a pesar da calor que pasamos"

Dificilmente hai un evento ou emerxencia na comarca no que non apareza a figura de Víctor Lombardía ataviada co uniforme de voluntario de Protección Civil. Leva case 25 anos á fronte da agrupación fonsagradina e esa traxectoria no corpo vén de ser recoñecida coa medalla de bronce ao mérito que outorga a Agasp
Víctor Lombardía, xúnto á súa muller despois de recoller a medalla. EP
photo_camera Víctor Lombardía, xúnto á súa muller despois de recoller a medalla. EP

Víctor Lombardía, que pasado mañá cumprirá 71 anos, é parte intrínseca á paisaxe da Fonsagrada. Posiblemente non haxa ninguén que coñeza como el cada centímetro do que é o concello máis extenso de Galicia e do que é un verdadeiro anxo gardián a través do seu papel como xefe da agrupación de Protección Civil. Esta dedicación durante tantos anos a este tipo de tarefas serviulle para que a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) da Estrada o galardoase recentemente coa medalla de bronce ao Mérito da Protección Civil.

Que supón para vostede esta medalla que acaba de recibir?

A que me foi outorgada é un galardón ao tempo de permanencia na agrupación. Creo que houbo outros recoñecementos moito máis importantes, como é a medalla de ouro que recibiu a Asociación de Agrupacións de Protección Civil da Provincia de Lugo, que preside Pepe Franco, por todo o traballo realizado polos voluntarios durante os meses do confinamento.

Esta crise sanitaria debeu de ser algo do máis excepcional que lle tocou vivir como voluntario de Protección Civil, non?

O covid foi unha situación que nos colleu absolutamente por sorpresa e á que non sabiamos moi ben como enfrontarnos. Faltábanos información sobre como actuar, pero fomos aprendendo. Encargámonos de realizar tamén un labor de concienciación dos veciños para que fixesen uso das máscaras ou mantivesen as distancias. Tamén nos encargabamos de levar medicinas ás casas de quen non podía saír e ás veces de labores de desinfección, aínda que no caso da Fonsagrada destes últimos traballos encargábanse sobre todo os traballadores municipais.

O seu labor como voluntario empezou moito antes da fundación da actual agrupación da Fonsagrada no ano 1997. Como foron aqueles inicios?

Realmente como voluntario levo máis de 40 anos, aínda que ao principio eramos radioaficionados que pertenciamos á Rede Nacional de Radio de Emerxencia (Remer), que dependía do Estado. Recordo que o noso primeiro operativo foi o 25 de xullo de 1979, cando catro compañeiros equipados con walkies talkies nos encargamos de regular o tráfico dunha romaría.

Supoño que os medios cos que contaban non teñen nada que ver cos de agora.

Realmente empezamos sen nada. Ao principio preparei un vello Lada Niva da miña propiedade para poder realizar algúns servizos e os uniformes tamén tardaron tempo en chegar. Agora é todo o contrario e a realidade é que contamos con moito material e de boa calidade que nos facilita moito as tarefas que realizamos.

En todo este tempo haberá moitas anécdotas.

Hai algunhas divertidas como cando en 1980 estreamos os nosos primeiros uniformes nunha Ruta da Androlla que se celebraba en Navia. O lugar da comida estaba calefactado cuns potentes sopradores de aire. Pero a pesar da calor que pasamos, non nos quitamos nin unha soa peza.

E tamén momentos duros.

O peor foi ter que asistir a algunha excarceración por accidente de tráfico ou a algún intento de suicidio. Un caso especialmente impactante foi o dunha persoa que se desfigurou totalmente a cara ao tentar quitarse a vida cunha escopeta. Foi unha escena totalmente dantesca, aínda que ao final sobreviviu.

Que medidas adoptaría para paliar o déficit que sofre a comarca en canto á atención ás emerxencias.

Un parque de bombeiros para atender aos concellos da Montaña é imprescindible. Dá igual en que municipio se sitúe, pero o que non podemos é depender do parque de Sarria porque o tempo de desprazamento desde alí é excesivo.

Comentarios