miércoles. 12.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 12.08.2020
El tiempo

Premio para quen atope o galo, a cochosa e o urogalo en Navia de Suarna 

Alisa Smirnova e Pavel Yakusev, cunha das súas obras. LUCÍA RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ
Alisa Smirnova e Pavel Yakusev, cunha das súas obras. LUCÍA RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ
Dous artistas rusos e una veciña de Salgueiras argallan un curioso xogo

Alisa Smirnova e Pavel Yakusev son dous artistas procedentes de Rusia que levan un tempo vivindo no municipio de Navia de Suarna. Xa viviran noutros lugares do mundo, pero en ningún se sentiron tan ben coma na súa aldea de Ancares. Por iso, en xesto de agradecemento, o pasado mes de xuño fixeron un guiño aos veciños: penduraron un galo, forxado por Pavel e pintado por Alisa, na Casa de Benedicto, como xeito de deixar unha pegada súa no centro da vila.

Lucía Rodríguez Fernández, veciña de Salgueiras, é unha das integrantes máis novas da asociación Irmandade Naviega. Este verán coñeceu a Pavel e a Alisa, e fíxose amiga deles. Acompañounos a pendurar ese animaliño, un día antes do San Xoán. E, coma tantas outras veces, quedou pensando en argallar algunha cousa. Que cousa? Aumentar a familia de animais, e xogar.

Así, os tres cómplices penduraron unha cochosa na vila, e convidaron aos veciños a buscala, cunha recompensa tamén feita polos artistas para quen a atopase. Conseguiuno Alain Rodríguez Fernández, que se encontrou con ela xusto enriba da peluquería, na rampla. O seguinte será un urogalo. Para elaboralos, contan cunha pequena axuda do Concello e da propia asociación.

Os xogos son cousas moi serias. Este, á fin de contas, é un exemplo do cariño que os naviegos están a brindar aos seus novos veciños, e viceversa. Cariño e camiño pola vila que ten moito dese pracer de encontrarse.

Premio para quen atope o galo, a cochosa e o urogalo en Navia de...
Comentarios