Se eu fose alcalde...

"O PP na Fonsagrada ten como proxecto de futuro asentar poboación e crear emprego"

Bernardo Xabier Niño Neira. EP
photo_camera Bernardo Xabier Niño Neira. EP
Bernardo Xabier Niño Neira
Candidato do PP en A Fonsagrada
Idade: 45 anos
Lugar de nacemento: A Fonsagrada
Primeiro ano como candidato: 2023
Afeccións: Pesca, caza, ciclismo


O candidato do PP á alcaldía da Fonsagrada, Bernardo Xabier Niño Neira, ten 45 anos e é un coñecido empresario do sector da hostalería e da alimentación no municipio. Ten experiencia como concelleiro neste último mandato no que o Partido Popular foi a forza máis votada polos veciños e veciñas, pero no que non chegou á alcaldía debido ao pacto entre as forzas da esquerda, o PSOE co BNG, despois de esixiren os nacionalistas a renuncia do anterior alcalde e cabeza de lista dos socialistas.

Bernardo Niño encabeza un proxecto para asentar poboación xoven, facer da Fonsagrada un sitio atractivo para vivir e traballar, un Concello que poña aos veciños e veciñas no primeiro lugar das súas prioridades. E como todo proxecto consta de varias partes, o candidato destaca o traballo dun equipo, "preparado dabondo", e que pode garantir "solvencia e gobernabilidade para ofrecer confianza aos veciños e veciñas".

Servizos para facer da Fonsagrada un lugar atractivo para vivir

O alcaldable popular confía nas oportunidades dun municipio que conta co territorio máis extenso de Galicia. Por iso se compromete a "traballar nun proxecto de futuro" baseado en garantir e mellorar os servizos públicos de forma que contribúan a "facer máis atractivo que a xente nova viva no noso concello".

O popular defende o desenvolvemento de actividades e infraestruturas pensadas para os máis pequenos "con espazos cubertos onde xogar e coa súa participación no deseño dos novos espazos que lles gustarían". E, por suposto, "hai que garantir os servizos para os maiores, pensando especialmente naqueles que viven sós". Por unha banda, mellorar o Servizo de Atención no Fogar porque non pode ser que haxa 300 horas libres e que dende o Concello se lles diga aos usuarios que a Xunta non dá horas de servizo. E, por outra, achegar aos pobos, servizos de podoloxía, fisioterapia ou actividades como ximnasia.

Tamén considera imprescindible para mellorar a calidade de vida no rural da Fonsagrada, garantir o abastecemento de auga nos distintos pobos construíndo, se é necesario, as captacións axeitadas.

Aproveitar as oportunidades

O sector primario é o que xera maior riqueza no concello e, polo tanto, o proxecto do Partido Popular apoia a súa actividade: "hai que estar a disposición dos gandeiros para axudar a levar a cabo as súas iniciativas". É máis, recoñece que "A Fonsagrada ten moito potencial aínda por explotar" e, polo tanto, aposta por "potenciar o cooperativismo, selos de calidade, etc.".

Bernardo Niño ten presente a oportunidade que supón para o asentamento da poboación o fomento da chegada de nómadas dixitais, que son persoas que desenvolven a súa actividade profesional de xeito telemático e, polo tanto, independentemente do lugar no que vivan.

O popular aposta por desenvolver un turismo de calidade, "non encher o pobo a base de todo gratis nin basear a economía en facer catro festas anuais". É máis, considera que "o turismo pode supoñer unha importante fonte de riqueza para A Fonsagrada". Nese sentido, urxe a abrir xa o museo de Forges situado na antiga Casa do Concello e a "poñer en valor edificios pechados como é a antiga Cámara Agraria". Tamén cita, como exemplo de grandes oportunidades, ao Camiño de Santiago.

Medrar como cabeceira de comarca

Bernardo Niño cre positivo dinamizar a vida social e económica da Fonsagrada de forma que se apoie á hostalería e ao comercio; sen esquecer que o fundamental é o asentamento de poboación nos pobos do concello porque os veciños e veciñas da Fonsagrada e doutros concellos da zona son os que fan as súas compras no pobo e, polo tanto, garanten a continuidade da actividade comercial na Fonsagrada, que é a cabeceira da comarca.

"O Concello da Fonsagrada ten que ser o referente comarcal que tire polos concellos do redor con iniciativas que poñan en valor o noso territorio" coma, por exemplo, camiños transversais coma a Gran Senda do Navia. Tamén se deben aproveitar as sinerxías da recentemente aprobada IXP Terras do Navia. "Somos un territorio de oportunidades, o que temos é que traballar por adaptarnos aos novos tempos", apunta o alcaldable.

Facer realidade o polígono industrial

O alcaldable popular cre que A Fonsagrada se merece un goberno que xestione e non un que se dedique a poñer escusas ante a súa falta de proxecto, que queda en evidencia, por exemplo, co polígono industrial prometido dende que gobernan os socialistas, fai 20 anos.

A dotación de solo industrial é unha demanda da iniciativa privada na Fonsagrada e, na liña de ofrecer servizos e loitar contra o despoboamento, o apoio aos autónomos, empresarios e novos emprendedores, ten que ser outra das prioridades para o Concello.

Transparencia

Bernardo Niño defende a eficacia na xestión económica municipal e, sobre todo, a transparencia. Do mesmo xeito, considera imprescindible o trato igualitario a tódolos veciños e veciñas, sen sectarismos, dende o respecto e a responsabilidade que merecen tódolos fonsagradinos e fonsagradinas.

A Fonsagrada. EP
A Fonsagrada. EP
A Fonsagrada
Oportunidades dende a Montaña
O alcaldable popular cre que "é o momento de dar paso a un goberno do Partido Popular centrado na Fonsagrada e nas necesidades dos nosos veciños e veciñas; despois de máis de 20 anos de gobernos socialistas e de formacións afíns que deron como resultado o descenso da poboación en, aproximadamente, un 50%". Bernardo Niño sinala que "despois de 20 anos con este goberno socialista, vemos claramente os resultados. Se seguimos apoiando o mesmo goberno os resultados serán os mesmo. Por iso pensamos que hai que cambiar o goberno e dar a oportunidade ao Partido Popular de facer as cousas doutro xeito durante catro anos".

O proxecto do PP baséase en garantir aos veciños e veciñas os servizos públicos como base para facer atractivo o municipio para asentar poboación con actividades e infraestruturas para os nenos e con atención para os maiores nas súas casas. "O rural é unha fonte de riqueza e oportunidades. Hai que apoiar aos gandeiros, atraer posibles nómadas dixitais e desenvolver un turismo de calidade aproveitando o Camiño de Santiago e todos os recursos da zona".

Comentarios