viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

Ás portas dun vello soño para A Fonsagrada

Visita dos veciños ás instalacións da residencia. VICTORIA RODRÍGUEZ
Visita dos veciños ás instalacións da residencia. VICTORIA RODRÍGUEZ
Preto dun centenar de veciños coñeceron, da man do presidente da Deputación, a residencia de maiores que abrirá no mes de febreiro

A residencia de maiores xa é un soño case cumprido para A Fonsagrada, logo de moitos anos de desexo e de espera deste servizo para o municipo. Así o manifestou este martes o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, nunha xornada de portas abertas na que fixou a apertura deste servizo no vindeiro mes de febreiro e ante preto dun centenar de veciños que quixeron coñecer as instalacións que para moitos se converterán en fogar.

Son precisamente as valoracións finais dos solicitantes das prazas -un total de 40- o último paso para a súa apertura, según indicou Tomé, que deu a coñecer as instalacións acompañado polo alcalde da localicade, Carlos López, e polo deputado de promoción económica e social, Pablo Rivera. Na visita tamén participaron outros alcaldes da Montaña, como José Fernández, de Navia de Suarna; José Manuel Braña, de Negueira de Muñiz, e Roberto Fernández, de Ribeira de Piquín.

"Falta un lugar para bailar", bromeaba unha das visitantes que agarda ter a súa praza no centro. Pero non. A primeira planta inclúe varios espazos polivalentes, salas de xogos e sala de televisión, con sitio suficiente para bailar ou facer ximnasia.

Outros curiosos miraban polo tamaño da cama, ou fabulaban sobre a persoa coa que compartirían a habitación, pois as 28 prazas do centro de maiores distribúense en cuartos dobres.

En definitiva, avaliaron o equipamento ou a temperatura do edificio coma quen avalía a casa onde espera vivir. E a nota media, entre todos os comentarios, foi dun notable. "Está moi ben", comentaban. "A única pega é que estivese pechada tanto tempo", apuntaban, sen esconder o cansazo polas distintas aperturas frustradas.

O Residencial Rois, que leva ese nome en homenaxe de quen foi un dos grandes benefactores do municipio, Manuel Rois de la Peña, conta cunha superficie de 2.000 metros cadrados distribuídos en tres andares. Lavandería, cociña e enfermaría completan a planta baixa, e as 14 habitacións sitúanse na primeira.

Na xornada de portas abertas participou parte do equipo que traballará no centro, que contará cunha fisioterapeuta, unha enfermeira, unha traballadora social, unha terapeuta ocupacional, unha psicóloga e unha técnica en administración. A empresa As Rodas aportará, pola súa parte, persoal formado en xerontoloxía, limpeza e cociña. En total, a Deputación calcula que esta nova dotación, que contou cunha inversión total de 2,3 millóns de euros, dará emprego a 25 persoas.

O alcalde da localidade, Carlos López, manifestou "un grande orgullo e emoción por un servizo polo que levamos agardando moito tempo", indicou, e tivo no seu discurso palabras de agradecemento para o anterior alcalde, Argelio Fernández, así como para o presidente da Deputación.

Pola súa parte, Tomé Roca manifestou o desexo de que os veciños poidan converter a residencia "na súa propia casa, traendo as súas propias cousas e recordos", comentou. E tamén, aos seus amigos, "xa que en lugar de verse no parque, veranse aquí todos os días, e se queren ir xuntos ao parque, pois poderán facelo", comentó.

Tomé resaltou, nese sentido, a importancia de que os veciños conten cunha residencia no seu mesmo municipio, para manter o contacto coa súa familia e co seu entorno. "Esta é unha casa de todos", sentenciou.

CRÍTICAS. O PP de Lugo verteu as súas críticas sobre o acto, "xa que a residencia foi inaugurada en tres ocasións por tres presidentes, que empregaron este servizo como unha arma de partido", manifestou o seu vicevoceiro, Javier Castiñeira. "Esperamos que desta volta a Deputación cumpra coas previsións e finalmente abra", afirmou.

Ás portas dun vello soño para A Fonsagrada
Comentarios