Poñer Os Ancares no mapa

A Asociación Ser recolleu nun mapa ilustrado por Ana Santiso o patrimonio máis singular da reserva da biosfera ancaresa

Poñer no mapa os corzos, os rebecos, os gatos bravos, as cabras e as tenreiras. Poñer no mapa o rebolo, o carballo, os acios vermellos do capudre, a esquiva xanzá. Poñer no mapa os nomes: Rao, Vallo, Vilela, Dorna, A Degrada, Vilarello, Vilartatín. Pola ponte da Proba, polo castelo de Doiras, pola igrexa de Donís. E, por suposto, a terra que se achega ao ceo en Pena Branca, en Pena Rubia, nos Tres Bispos, no Mustallar, en Penalonga, no Cuíña ou nese Porto de Ancares que axusta o seu nome ás terras ás que dá horizonte.

A Asociación Ser presentou este martes na súa sede na Casa Quindós en Vilela (Navia de Suarna) un mapa da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, impulsado grazas ás subvencións para proxectos vencellados a este territorio que xestiona a Deputación de Lugo. Elaborado pola propia asociación en colaboración con entidades da comarca, e ilustrado por Ana Santiso, veciña de Becerreá, vén cubrir un oco na representación deste territorio, que carecía dun mapa actual que trenzase o seu patrimonio monumental, natural e humano.

Mapa

Poñer no mapa, dar nome, dar lugar. Para Oliver Laxe, presidente da Asociación Ser, trátase dun xesto de estima polo territorio que busca tamén a autoestima dos seus veciños, especialmente dos máis novos, polo que a asociación mandará o mapa aos centros educativos de Navia, Cervantes e Becerreá. Porén, Laxe tamén indicou que este traballo está ao dispor das entidades que teñan interese en empregalo, dende establecementos hostAleiros a institucións.

E que conta o mapa dos Ancares? Pé Pardo Vuelta, integrante da asociación e técnica na mesma no momento da elaboración deste proxecto, explica como se peneirou a información que finalmente apousou nel. O perfil vén dado pola propia Reserva da Biosfera, que comprende a totalidade dos concellos de Navia de Suarna e de Cervantes, e unha parte e Becerreá. Nel marcáronse todas as parroquias e as capitais de concellos e, ante a imposibilidade de incluír as preto de 300 aldeas espalladas nestes territorio, no mapa apousan as que gardan un valor singular.

Así, nel aparecen Ardevila, A Chá ou Castelo de Frades, que aínda conservan hórreos con teito de colmo; Vilela, que vén de excavar parte do Castro do Teso da Ermida, ou as moitas aldeas onde a arquitectura é circular e está salpicada de pallozas, dende o conxunto máis amplo de Europa en Piornedo, con 17 construcións deste tipo, até as de A Degrada, Deva, Castelo ou Fontela -con teito de colmo-, ou as de O Gumieiro, Ferreiradevés, A Veiga do Seixo, A Freita, Cela, Moreira ou Corneantes, entre outros lugares -con teito de chapa-. "Decidimos incluír aquelas que actualmente teñen o teito de chapa, diferenciándoas no mapa, por entender que conservan a estrutura e poden ser recuperadas", comenta Pé Pardo destes elementos que carecen de axudas a pesar da súa consideración como BIC.

Integrantes da Asociación Ser na presentación do mapa en Vilela. N.N
Integrantes da Asociación Ser na presentación do mapa en Vilela. N.N.

O castelo de Doiras, que protexeu a entrada en Galicia; a Ponte de Cruzul, que desafiou a enxeñaría civil na época de Carlos III; o Castro de Santa María, un dos moitos da zona adicado á explotación aurífera, ou as pontes medievais sobre o Navia en A Pobra ou en Pontes de Gatín son algunhas mostras do patrimonio monumental ás que Ana Santiso deu forma neste mapa.

FLORA E FAUNA. O acevedo da Cespedosa ou o outono do Faial de Pintinidoira e o verde perenne do Aciñeiral de Cruzul, estas últimas xoias botánicas asociadas aos afloramentos de caliza nesta zona, son algúns dos bosques que xa levan o selo de Santiso.

A ilustradora e muralista tamén prendeu o xesto dos rebezos que habitan as zonas máis altas, dos gatos bravos aos que distingue o seu salto, dos corzos ou dos miñatos. Tamén, por suposto, das vacas e cabras que, da man dos pastores e pastoras, labraron unha das paisaxes máis biodiversas de Europa coa gandaría extensiva, a única en Galicia onde aínda se mantén o desprazamento estacional dos animais. As Brañas de Pan do Zarco dan, no mapa, dan fe desa trashumancia encamiñada a estes prados de altura próximos de Pando, coma o cortizo dá fe desa outra arquitectura circular de cortíns e apicultores. E tamén trazou Ana o xesto daqueles grandes carnívoros, coma o oso e o lobo, cos que a serra busca un futuro que pase pola coexistencia.

Nesta escolma participaron asociacións coma O Teixeiro de Piornedo ou a Asociación Galega de Custodia do Territorio, entre outros veciños e veciñas. Trátase, por tanto, dun mapa dialogado coa xente que coñece e habita os mesmos lugares, ilustrativo. «Para que a ilustración respirase non podía ser exhaustivo», comenta Santiso, que recoñece que para ela mesma foi un xesto fundamental para coñecer, orientarse e situarse no territorio, e así tamén querelo máis. Poñer no mapa significa aquí dar lugar, pousar, nomear, dende Os Grobos ao Chao do Corno, dende Mosteiro a Monte Odreiro, polas ourelas do río Ser, ou polas do Riamonte, polas da Veiga Cimeira ou polas do Pontorrón.

Comentarios