Patrimonio dos Ancares presenta en Becerreá un libro sobre ‘Penas con lenda’

Recóllense 500 delas coñecidas por un microtopónimo
Navia de Suarna-Pena da Mur
photo_camera Pena da Mur, en Navia de Suarna. EP

En Cervantes, por riba da aldea de Casas do Río, varias mulleres víronse acurraladas por lobos. Medorentas, non viron máis opción ca de subiren a unhas penas que alí había, e que lles serviron ben, pois lograron salvar a vida. Cando pasou esta historia? Non se sabe. Se pasou pasou, tampouco. Pero hai un nome, A Pena das Mulleres, que garda o seu rumor. Ela é unha das 500 recollidas no libro ‘Penas con lenda’, que este sábado se presenta en Becerreá da man dos autores, Xabier Moure, Pilar Carpenteira Leira e José Ángel Fernández Revaldería, integrantes de Patrimonio dos Ancares, e de José Luis Raposo, deputado responsable de medio ambiente na Deputación de Lugo, entidade que edita a publicación.

Para elaborar este traballo, o colectivo ancarés localizou 1.250 pedras con nome na comarca ancaresa, centos de microtopónimos dun mundo onde cada cousa relucía con singularidade pronunciada. No traballo citan máis de 500, e delas 300 son o centro dun relato. A Pena do Viño e a Pena do Unto en Cervantes, onde os feirantes do Bierzo vendían eses produtos; a Pena da Noiva en Navia, onde vivía unha moura que axudaba ás mulleres que a visitaban a cumprir a obriga social do casamento co don de namorar; ou as penas de Doiras onde se sitúa a lenda da Doniña Cerva na que Bécquer se inspirou para escribir ‘La corza blanca’.

De moitas perdeuse a historia pero aínda se conserva a palabra, como a Pena do Home Chantado en Becerreá. Doutras, o nome remite a persoas que viviron hai séculos, pero quedaron nelas gardadas, como o Marco de Dona Aldonza que aínda deixa soar o se nome medieval.

O colectivo camiñou na súa busca e recolleu o imprescindible testemuño oral dos veciños

Hai penas con nomes de animais: da Aiga, da Abella, do Bon Cabalo, da Cabra, do Carneiro, do Corvo. Até a Formiga ten a súa, e tamén o Oso, o Sapo ou o Teixo. Tamén o mundo vexetal é nome propio na Pena do Arando, da Cerdeira, do Colmo, do Xunco ou do Ramallo. E a infinita creatividade da lingua deixou nomes como a Pena da Poza do Preguntoiro, a Pena do Pozo que Ronca ou a Pena Quente, en Becerreá; a Pena da Testa Preta, a Pena da Porta do Sol, a Pena do Risco, as Pedras das Ferraduras dos Cabalos ou a Pena dos Garabatos, en Navia de Suarna; ou o Marco do Circo, a Pena da Sombra, a Pena do Santo ou o Teso do Milagre, en Cervantes.

Para localizar estes pequenos centros do mundo, o colectivo revisou centos de documentos, como as escrituras dos mosteiros de Santa María de Penamaior e San Salvador de Cancelada. Aí, entre textos notariais de compras, vendas ou rendas, lindaron nun terreo e noutro con estes nomes que agora os novos sistemas de xeolocalización xa non precisan.

Despois, o colectivo camiñou na súa busca e recolleu o imprescindible testemuño oral dos veciños. De feito, conta Xabier Moure que hai topónimos que só existen na memoria popular. Porén, outros dela tamén desapareceron. Indica o investigador que das 500 pedras con lenda, 125 xa non existen. Algunhas non se lembran e outras foron arrasadas pola maquinaria pesada dos novos sistemas de cultivo. E non hai demasiado tempo: en Becerreá, o conxunto de doce pedras que conformaban as Pedras do Pico quedaron "literalmente trituradas", lamenta Moure. "Antes non se lles tocaba ás medorras, pois inda se gardaba noción de que algo había alí", indica.

"É moi duro ver como se arrasa con elementos que se conservaron durante milleiros de anos", lamenta Moure. Para compensar esta tristeza que os acompaña por traballar cun material tan fráxil —pedras fráxiles, si—, tamén resalta que nos últimos tempos si nota un maior interese por parte da xente. "Persoas que antes non preguntaban, agora si que o fan", comenta. Quen non poida ir hoxe a Becerreá pero non queira deixar de preguntar o que contan as pedras, poderá escoitar os seus relatos os vindeiros 10 e 17 nas presentacións de Cervantes e Navia.

Comentarios