Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Patrimonio dos Ancares e Fuco de Piornedo reciben os seus premios

Un momento da entrega dos premios. EP
Un momento da entrega dos premios. EP

O IES de Becerreá distinguiunos polo seu labor en benficio da lingua galega e da cultura propia na comarca dos Ancares

LUGO. O colectivo Patrimonio dos Ancares e o artesán Fuco Pérez, coñecido como Fuco de Piornedo, recibiron onte os galardóns que outorga o IES de Becerreá a colectivos, empresas ou persoas destacados polo seu traballo en favor da lingua e da cultura galegas.

Patrimonio dos Ancares, con Xabier Moure á fronte, foi premiado na modalidade de colectivos, polo seu labor de «conservación, protección e difusión do patrimonio material e inmaterial dos seis concellos que forman a comarca dos Ancares», segundo o xurado.

No ámbito das iniciativas privadas, empresariais ou comerciais relacionadas co tecido económico, produtivo ou doutra índole da comarca dos Ancares foi distinguido o artesán Fuco de Piornedo. Neste caso, o xurado valorou «tanto o uso do galego na súa tarefa profesional como o seu traballo no obradoiro artesán e a recuperación da palloza como elemento arquitectónico identitario da nosa comarca».

Fuco de Piornedo é o responsable da recuperación da palloza museo Casa do Sesto, en Piornedo, que ofrece aos visitantes a oportunidade de ver como se vivía nesta zona da montaña lucense en tempos pasados.

Os premios foron entregados onte no instituto de Becerreá, nun acto de celebración que coincidiu co fin de curso. Os galardoados recibiron senllas pezas do artesán local Inazio Abrao, exalumno do centro, elaboradas con madeiras de freixo e nogueira.

Patrimonio dos Ancares e Fuco de Piornedo reciben os seus premios
Comentarios