Patrimonio dos Ancares descobre novos petróglifos nun monte de Cervantes

Os gravados poden remontarse á Idade de Bronce, hai uns 4.000 anos
Un dos gravados. EP
photo_camera Un dos gravados. EP

Patrimonio dos Ancares vén de localizar unha nova estación con petróglifos no concello de Cervantes. Segundo sinala o voceiro da asociación, Xabier Moure, este xacemento atópase entre as aldeas de Vilarello e Piornedo, no monte Bidual, que está situado a 1.100 metros de altitude.

Este investigador explica que nunha pena granítica, arredor dunha pía natural, documentou dúas combinacións —unha delas moi erosionada— de dous e tres círculos concéntricos con coviña central e tres grupos de coviñas agrupadas de dúas en dúas.

Moure indica que as estruturas circulares son motivos enigmáticos que puideron gravarse como representación do sol ou ben como ofrenda votiva. En canto ás coviñas, adoitan ser recipientes para ofrendas, para recoller auga ou receptáculos para sacrificios. Patrimonio dos Ancares cre que estes petróglifos poden remontarse á Idade de Bronce, hai uns 4.000 anos.

Con este achado, Xabier Moure destaca que dende o ano 2013 o colectivo leva localizadas en Cervantes 19 estacións con gravados rupestres ao aire libre. Lembra que entre elas está a situada á maior altitude de Galicia, no Pico de Mustallar, a 1.800 metros.

Comentarios