Os pasos tras da Senda do Navia

Os promotores desta ruta de preto de 150 quilómetros por sete concellos de Lugo e nove asturianos celebrarán un encontro en Illano para darlle pulo o vindeiro sábado 27 de abril
G
photo_camera Unha das etapas da ruta. EP

A Sociedade de Amigos de Boal, no concello 'vecín' asturiano, leva anos camiñando para que a Senda do Navia sexa unha realidade. O vindeiro 27 de abril celebrarán a terceira marcha de sendeirismo en Illano para impulsar este proxecto, para o que piden a colaboración de veciños dun lado e outro do río, dun lado e outro dunha fronteira que non borra "un lugar que é común", comenta Miguel Mojardín, presidente da entidade asturiana.

O proxecto da Gran Senda do Navia transcorre por 16 concellos, que xa deron o seu apoio: Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Cervantes, Becerreá, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Ibias, Grandas de Salime, Allande, Pesoz, Illano, Boal, Coaña, Villayón e Navia. En total, serían preto de 150 quilómetros, dende que o río nace en Busnullán, no concello de Pedrafita -onde queren situar algún elemento informativo-, ata a ría entre o cabo de San Agustín e Peñafurada, xa en Asturias. "En realidade, serían 300 quilómetros de ruta, dun lado e doutro do río", indica Mojardín.

Proxecto

O interese xeral desta iniciativa foi recoñecido polo Congreso dos Deputados no ano 2022. A comezos do ano pasado, o Goberno do Principado de Asturias seleccionou esta senda para a súa inclusión dentro do programa de Caminos Naturales de España, do Ministerio de Agricultura, que sumaría este itinerario polo Navia a outros xa existentes no Texo, o Ebro, o Douro ou o Guadiana.

Polo momento, segundo comenta Mojardín, "o proxecto non avanzou máis, e agarda polo trazado dos expertos dese programa". "Precisamos unha maior colaboración entre a Xunta e o Goberno de Asturias", comentan.

Mojardín fala con entusiasmo das posibilidades desta senda peonil e de cicloturismo. "Os valores naturais son extraordinarios, e tamén os culturais, xa que a senda corta tres rutas xacobeas", comenta. "O que queremos con isto é favorecer a circulación de xente, de produtos e de artesanía ao longo de toda esta zona, que moito o necesita", engade.

O proxecto conta tamén co apoio das federacións de montaña de Asturias e de Galicia, e con distintas asociacións que dende o inicio amosaron o seu entusiasmo. "Pero precisamos máis xente, máis apoios", destaca Mojardín, que chama ás entidades interesadas a sumarse á vindeira ruta do 27 de abril.

Ruta

A ruta terá dúas modalidades, con máis ou menos quilómetros. A longa sairá ás 10.00 horas, cunha distancia de 10,4 quilómetros, e co punto de partida no Camino del Castro de San Isidro. A curta sairá ás 11.00 horas, cunha distancia de 6,4 quilómetros, da estrada local cara a La Montaña. O traxecto rematará na área recreativa de Folgueirou, en Illano, e a comida farase nesa mesma área recreativa.

As inscricións realizaranse no correo electrónico [email protected], co número de asistentes e a persoa responsable para o contacto. Para reservar a comida é posible chamar ao teléfono 626.56.42.71, e preguntar por Manolo.

Comentarios