O oso é un máis na Montaña

Fronte ás incursións destes animais nas alvarizas, hai apicultores que destacan o valor que aporta ao seu mel
undefined
photo_camera Exemplar de oso pardo fotografado nos Ancares. FUNDACIÓN OSO PARDO

En agosto do pasado ano, un veciño da parroquia cervantega de Vilarello levou o que posiblemente fose o susto da súa vida. E non foi para menos, pois un oso de considerables dimensións campaba ás súas anchas pola estrada coma se fose un veciño máis. Aínda que moitos de nós posiblemente nunca veremos un exemplar destas características, o certo é que atoparse con este animal na zona da Montaña é algo cada vez máis habitual.

"A situación do oso en Galicia era radicalmente distinta nos anos 90", apunta Óscar Rivas, técnico da fundación Oso Pardo. O certo é que hai uns trinta anos, este mamífero era unha especie practicamente condenada: con menos dun centenar de exemplares divididos en poboacións dispersas, algúns estudosos estimaron que non chegarían ao umbral do novo milenio ou que o terían moi complicado.

Detrás daquel declive dramático había un responsable principal: a caza, primeiro legal e despois furtiva. "A persecución destes actos foi un traballo moi arduo", asegura o técnico da fundación Oso Pardo, unha asociación que retirou máis de 1.500 lazos de aceiro. Aquela arma silenciosa poñíase para cazar outros animais, como os corzos ou os cervos, pero supoñía un perigo mortal para este gran mamífero.

A situación comezou a cambiar cos plans de protección do oso nas comunidades onde tiña presenza: Asturias, Castela e León, Cantabria e Galicia. Xurdiría por aquel entón o Seprona da Garda Civil, cuxa importancia foi clave para arrinconar o furtivismo, aínda que se algo permitiu que a día de hoxe esta caza ilegal sexa anecdótica foi a aceptación social do oso. "Intentouse que a poboación do rural comezase a percibir o oso con outros ollos e que visen que convivir con esta especie era un privilexio", explica Rivas.

Unhas medidas que, tres décadas despois, deron como resultado un dos maiores "éxitos de conservación" da fauna do noso país. Na actualidade hai rexistrados un total de 370 osos na Península, mentres que a súa área de distribución medrou nun 70% ata abarcar un 17.000 quilómetros cadrados de territorio, segundo indica o último censo do CSIC.

De feito, é este crecemento o que explica que a zona do Courel volvese rexistrar unha "presenza estable e continuada durante todo o ano" destes exemplares, tendo coñecemento duns once que viven entre as montañas de Lugo e Ourense. Os plantígrados presentes nestas serras son os machos exploradores da área occidental da cordilleira, significativos do comportamento dunha especie que, xa ben establecida nun núcleo, busca expandirse.

Polo momento non se pode falar dunha poboación reprodutora, aínda que xa se produciron os primeiros avistamentos de femias con crías nos Ancares lucenses, xusto no límite con León. "Se todo segue así, é esperable e lóxico que se acaben asentando", afirma Rivas. Desde logo, o que atopan aquí os machos exploradores gústalles: recursos, refuxio e moita tranquilidade.

En canto ás perspectivas de futuro, o experto da fundación recorda o feito de que o oso pardo continúa a ser unha especie en perigo. A pesar de ter deixado o furtivismo atrás, agora existen outras ameazas para este mamífero que veñen da man de "proxectos de implantación de enerxías renovables" que poden impactar no habitat da especie e que revertan estas condicións idóneas.

A medida que os esforzos de conservación avanzan, é imperativo atopar un equilibrio entre a preservación dos mamíferos e do ecosistema da Montaña. Un habitat que teñen a sorte de chamar fogar.

Consellos: como actuar ante a súa presenza

O incremento da poboación dos osos fixo que medrasen, á súa vez, as interaccións destes animais salvaxes cos humanos. Aínda que rara vez se producen ataques destes mamíferos, certas actividades humanas poden desencadealos ou axudar a previlos. Desde o proxecto Life da fundación Oso Pardo fan algunhas recomendacións que poden ser de axuda neste tipo de encontros:

Sentido común

"Na maioría das ocasións o que pedimos é que a xente actúe con sentido común", apunta a coordinadora do proxecto , María Párraga. "Por exemplo, non camiñar en dirección ás pegadas ou non tirarlles pedras", explica.

Falar e erguerse

No caso de ter algún tipo de encontro cun destes magníficos animais, tamén é esencial "non facer grandes espaventos. Simplemente falar e erguerse un pouco", sinala a experta.

Sen vítimas

Afortunadamente, en España os ataques destas especies son moi reducidos e non houbo que lamentar víctimas mortais. Segundo di Párraga, "o oso non ten ningún tipo de ensañamento cos humanos. Ao contrario, no 99% dos casos, sairá correndo".

Biodiversidade: "O oso pode erixirse como un emblema de calidade ambiental"

Fronte ás incursións destes animais nas alvarizas, hai apicultores que destacan o valor que aporta ao seu mel

"Eu teño notado a presenza do oso, atopei algunhas pegadas e outros rastros", comeza dicindo o apicultor Alberto Uría, de Negueira de Muñiz. O certo é que coa expansión desta especie cara a zonas máis humanizadas, nos últimos anos rexistrouse un incremento de ataques á propiedade, así como a explotacións agrícolas e gandeiras, o que espertou a inquedanza dalgúns produtores.

"Tenme producido algún dano nas colmeas, pero sempre por un exceso de confianza meu. Vivo nunha zona onde o oso non tivo unha presenza constante nos últimos 80 anos", explica Uría. Os centos de alvarizas aínda presentes na comarca dan fe dunha das pegadas máis abundantes en Europa en épocas pasadas e que agora volven rexurdir das súas ruínas.

Nese sentido, Uría explica que aínda que os "escasos ataques" á produción incrementan os gastos e complican un pouco o traballo, nas colmeas protexidas por estas construcións ou por pastores eléctricos non atopa ningún problema. "Este animal chegou á zona moito antes ca nós, o único que temos que facer é estar algo máis atentos", asegura.

Ante esta situación, o apicultor reivindica a presenza deste gran mamífero como un valor engadido aos produtos que se elaboran de forma artesanal na zona: "O oso axúdanos a poder vender un mel cun alto valor diferencial e iso a xente valórao. Non é o mesmo mercar un produto que veña de Madrid ou Alicante ca un feito na Montaña, unha contorna na que a preparación do alimento está en convivencia directa coa fauna".

A presenza do oso non é só un feito a celebrar desde o punto de vista da biodiversidade, senón tamén do turismo, como xa ocorreu no Parque Natural de Somiedo, en Asturias, onde este animal xa é todo un imán para os visitantes. "O oso pode erixirse como un emblema, un selo de calidade ambiental e paisaxe natural", explica María Párraga, coordinadora do proxecto Life da fundación Oso Pardo.

Comentarios