Onde o mundo fala donisego

As veciñas da parroquia cervantega de Donís puxéronlle nome á súa fala, esa que tantas palabras distintas ten para dicir a neve ou que, travesa, gosta de sumar vogais ou mudar terminaciois. Mutias non están no dicionario, pero agardan que non se perdan da memoria
De esquerda a dereita, Lola do Ancho, Isolina do Viso, Lucía de Chis e Amelia de Roxo. TEITOS DE PIORNEDO
photo_camera De esquerda a dereita, Lola do Ancho, Isolina do Viso, Lucía de Chis e Amelia de Roxo.

Só é posible falar de linguas. Sempre en plural. Un mesmo idioma tamén se reparte en tantas falas coma persoas. Falas que latexan rebordando a norma, axustándose máis ben á forma dos vales, das aldeas, das fronteiras, dos oficios. Novoneyra, un dos poetas que en Galicia máis pensou esa "lingua-fala", referíase á "teoría dos catro avós integrando cada fala familiar". Tantas linguas coma persoas, casas, ríos, vivas e dinámicas coma as formas dos tesos entrecruzándose.

As veciñas de Donís "ficéronlle" xustiza a esa concepción da lingua dándolle un nome á súa propia, o donisego. Advirten que non se trata dunha visión académica, que os rasgos que detectan quizabes pertenzan a outros lugares, que só quixeron dar nome ao que tantos nomes dá.

O que non se pon en dúbida é que en poucos sitios do país neva tanto coma en Donís. Esa presenza tan forte da neve mídese tamén pola cantidade de palabras coas que mirala. Isolina do Viso, veciña de Piornedo, conta que neses días de nevada de enverno, cando esteña un pouco, os nenos xogan con balocos, e para ir a calquera lugar cómpre abrir "olgas" na neve, coas mesmas botas ou con "algúa" ferramenta.

Ás veces vai tanto friu que neva inda que non haxa nubres. A ese fenómeno chámanlle "escarabaneiro", que máis ca "nevar "a cielo abierto" é cando só caen pivisas. Ás veces o día polvoriña que mete medo, ou hai que "zarrar" ben o "cuarteirón" da palloza para que non entre o polvorín.

Outros días neva tan pouquiño que só se pode falar de farfano, cunha sonoridade tan semellante á italiana farfalla, a nosa bolboreta. As palabras, inda propias, veñen de lonxe, e esa raíz indoeuropea "sfar-" aparece aquí para que soñemos que os copos voan con ás brancas, que coma elas son unha rareza no ceo do inverno. "Nevou? Nada, só un farfano", pregunta e responde Isolina para situarnos.

Xa no chan, a neve pode formar trolas -que é "esa pastuma de auga e neve que se fai cando tamén chove", indica Isolina-, cellas -cando o aire faille a forma desa parte do rostro- ou trousos, coma no "vecín" Courel. En Donís, os raios son "relistros". Ás veces, aos "relistros" séguelles unha "torbada" de auga, un ballón. Aínda que outras veces escampa ou de noite estrelampa, e as estrelas asoman nese ceo limpo.

DÁ PARA "MUTIO". É certo que as envernías dan para mutio. Non coma os meses do "vrau", que pasan axiña, tanto que un deles dise con diminutivo, xullín, do fraquiño que fica. Frebeiro tamén quixo mudar o erre, se cadra para asemellarse as frebas, anque en Donís o nome da carne sexa o "xixo", esa mesma que se pon sobre os cantelos de pan, ben cortados e sen migas á volta, a non ser que queiramos facer unha "chanfrada" ou un arrestraballo. Estiveches comendo e deixaches un arrestraballo..., exemplifica Isolina.

E así, con xixo, pan e viño poderiamos seguir falando e falando do donisego. Ou con augua, esa palabra que sostén Lucía de Chis na fotografía. "Fíxate que é un nome que dicimos a diario, pero só aquí. Meu mozo é de Doiras, pero alí xa non se di dese xeito", comenta. "Oxalá non se perda", engade.

Volvemos a Novoneyra. Ao que lles dixo a uns estudantes que visitaron a súa terra no 1994. "Sodes os representantes dunha nova forma de peregrinación que eu chamaría peregriñar pola Lingua, que quere dicir porse en contauto coa Fala de cada lugar. Coa normativización do galego, moitos falan como se escribe i eso é empobrecedor (...). Estade atentos a como fala a xente. Veredes que riqueza de xiros e de tonos de voz siñificativos". Esteamos atentos, pois, aos andares do donisego pola banda de Donís.

Un tesouro feito de palabras

Na fotografía, Amelia do Roxo sostén ‘corolo’, a castaña cocida xa sen as dúas parazas. Tómase con ‘leite quente’, que é leite recén muxida, sen ferver. Síguelle Lucía de Chis, cun pouco de ‘augua’. Isolina de Viso ensina ‘nevariu’, unha ‘torbada’ de neve. A Lola do Ancho gústalle o ‘muricego’.

Un glosario

As veciñas destacan as seguintes palabras.
Esteñar: parar de chover ou nevar.
Baloco: bola de neve.
Olga: ‘camín’ na neve.
Pivisa: pó fino de neve.
Chanfrada: chafallada.
Arrestraballo: algo que queda sen recoller.
Paparrois: bichiños pequenos, sobre todo das patacas.
Secuantai!: canto tempo hai!
Bondo: abondo.
Nuelo: nocello.
Arrumendar: remendar.
Peselbre: pesebre ou presebe.
Paílla: tixola.
Neal: niño.
Entonte e ententonte: antes de onte e de ‘entonte’.
Lobeto e osgaño: crías de lobo ou oso.
Inciar: procrear mutio.
 A cielo abierto: con intensidade. O donisego ten mutias expresiois en castelán dada a súa situación fronteiriza.

Algún rasgo
Nos determinantes, o grupo nha substitúese por úa, e o ns por uis: un, úa, uis, úas. As terminaciois de formas verbais con complemento indirecto e directo contraído, como díxenllo ou fíxenllo, acaban en ol: díxenol ou fíxenol.

Comentarios