Por onde entrar na botica da Fonsagrada?

A farmacia Peñamaría conserva o mesmo mobiliario modernista e as menciñas coas que abriu as súas portas no 1900 ► A familia coida cada detalle en memoria de Josefa, a avoa da actual boticaria, que mercou o negocio nos anos da posguerra

Éntrase á farmacia Peñamaria pola porta que se abre na Avenida de Galicia, na Fonsagrada. Éntrase, tamén, polas páxinas máis abraiadas da historia, pois xa alí dentro é imposible non lembrar a farmacia de Elsinor, a botica de La Meca, o po dos cornos de unicornio, os velenos de Mahaut d'Artois; en fin, todo o que Cunqueiro, fillo do boticario de Mondoñedo, amentou para introducir a Tertulia de boticas.

A farmacia Peñamaría segue a ser unha botica. Catalina Ortiz de Galisteo tratou de que así se mantivese, de que cada obrigada reforma para atender o público respectase o carácter coa que a fundou por volta do 1900 un boticario catalán. Así, cando tivo que levantar o chan, volveu montalo coa mesma madeira.

O moble de castaño que dá forma hexagonal ao espazo tampouco se pode mover do sitio: foi construído no mesmo lugar, posiblemente por unha empresa catalá que outras xoias similares tería deixado no país, pois disque a botica de Ribeira foi ben semellante. Nel dispóñense todos os botes de damas, co seu catálogo vexetal e mineral. Porén, Catalina convida a dirixir a ollada cara a abaixo, ao ollo do boticario, esa mesa tamén hexagonal con dúas vitrinas que deixan ver antigas menciñas, os auténticos tesouros.

No libro Boticas: viaje por las antiguas farmacias de Galicia, cóntase que cando abriu, naquel comezo do século XX, a botica iluminábase con lámpadas de carburo, e que a xente da Fonsagrada entraba só por ver a súa luz, pois nunca nada se vira así por alí. Hoxe paira esa mesma sensación: unha entra para pedir calquera cousa que axude a levar a doenza, e acaba pasando os ollos por entre herbarios ou velenos, ou por esa redoma que ocupa o espazo central, e que moito recorda tamén a Merlín. "Era para as samesugas, para os tratamentos que se aplicaban antano con este gusano", conta Catalina.

A historia comezou a escribila Josefa Pérez Fernández

Porén, a historia, coma sempre, vai máis alá. O que máis valor ten neste sitio non se ve. Non son os caixóns de madeira, nin a lámpada modernista. Nin sequera a antiga xeringa que Catalina garda nun caixón. Nada disto estaría neste lugar se non fose por ela. Ela é Josefa Pérez Fernández, avoa de Catalina, quen comprou a farmacia á familia Peñamaría, que foron os segundos propietarios, pouco despois de rematar a Guerra Civil. Como unha muller puido comprar unha farmacia naquel tempo? Conta a neta que, se ben eran raras as mulleres que puideron estudar, non era tan pouco común que, podendo facelo, estudasen Farmacia. «Non foi a única na provincia de Lugo, houbo máis», destaca.

Os pais de Josefa emigraran a Cuba. Alí, en San Luis de Oriente, montaron tres hoteis. Cos cartos gañados abriron un cuarto nesta vila, o hotel Palace, cunha arquitectura indiana da que hoxe apenas queda nada. A Guerra Civil pillounos aquí e, dalgún xeito, tamén determinou que tivesen que ficar.

A bisavoa de Catalina morreu de tuberculose, moi nova. O bisavó toleou a raíz da morte prematura da muller e foi internado en Conxo. As tres fillas quedaron ao coidado dun cura, que tivo a visión de animalas a estudar. Josefa, a maior, tomou a oportunidade, vinda dos cartos da venda do Hotel Palace, e acabada a carreira, comprou a farmacia. "Se conservamos tan ben todo isto é porque a historia tampouco foi doada para ela, hai un grande esforzo detrás", conta Catalina, que tomou o relevo de Josefa, e hoxe recibe a xente que entra neste lugar e recoñece, nos ollos abraiados, o fulgor do carburo.

Un patrimonio cultural

Catalina Ortiz de Galisteo leva á fronte desta farmacia dende o ano 2004, sendo ela quen tomou relevo da súa avoa. Das cousas que garda a farmacia, é posible que algunha sexa do seu avó, o veterinario andaluz de quen leva o apelido.

As boticas modernistas

En Galicia aínda se conservan algunhas boticas como a de Ortiz de Galisteo. A mítica Bescansa, en Compostela; a Couceiro, en Betanzos —a máis lonxeva do país, que abriu en 1716—, ou a Almodóvar, en Ferrol, son algunhas das máis singulares. No municipio de Beariz, en Doade, abriu ao público unha Casa da Botica, xa como museo, que alberga a colección de menciñas do século XIX máis grande de Galicia.

Na provincia

Destaca José Luis Aulet en Boticas: viaje por las antiguas farmacias de Galicia que outra das boticas de interese patrimonial na provincia se atopa en Chantada. Trátase da farmacia Sampayo, construída entre 1910 e 1920. Coleccións de cerámica, caixóns, mobles de caoba e castiñeiro ou frascos de antigas menciñas son algúns dos elementos a destacar, aínda que a xoia do lugar son os botes, que semellan de inspiración árabe.

Comentarios