sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Oliver Laxe: "Os que teñen mérito son os que quedaron e mantiveron a forma de vida"

Oliver Laxe. ARQUIVO
Oliver Laxe. ARQUIVO
O cineasta agrade a Navia o nomeamento como fillo adoptivo

Oliver Laxe é un cineasta de fama internacional orgulloso de pasear polo mundo a singularidade dos Ancares e, particularmente da aldea de Vilela, lugar de procedencia da súa nai e a súa familia materna, onde vive agora. A aposta por estas terras da Montaña e o feito de que a súa última película, O que arde, fose rodada case na súa integridade en Navia de Suarna, valeulle o nomeamento como fillo adoptivo deste concello. 

Agardaba a concesión desta distinción? 
Na estrea de ‘O que arde’ en Navia, o alcalde fixo esta suxerencia, que agora se fai realidade. Estou agradecido á corporación por esta mostra de agarimo. 

Xunto coa proxección que lle deu a Os Ancares nesa película, a aposta polo coidado do territorio e pola súa dinamización cultural son outros méritos para este nomeamento? 
Son eu o que teño a sorte de vivir aquí. O verdadeiro mérito é das xentes que quedaron e mantiveron unha forma de vida. Lembro aos meus avós e penso as dificultades que tiñan para desprazarse desde a aldea a Navia polas malas comunicacións. Botaban a mañá enteira. Os tempos mudan, pero hai que recoller o froito do esforzo dos nosos antergos. Son de aquí e sempre quixen vivir neste lugar. Levo un ano de residencia case continuada e síntome de marabilla. 

Como vai o proxecto agrocultural de Casa Quindós? 
Trato de crear un espazo cultural nun sentido amplo, vencellado á terra e á xente. Colaboro cos veciños en diversas tarefas. Estamos a desbrozar para facer un cortalumes, xa que tivemos dous incendios na aldea este verán. Tamén me interesa o silvopastoreo con cabras e estou moi ligado á cooperativa A Carqueixa, comprometida coa zona.

A Montaña está de moda entre artistas e emprendedores... 
Debe ser motivo de orgullo. Nestes tempos de pandemia e nos que veñen hai xente que reflexiona e se plantexa a volta á vida rural.

Oliver Laxe: "Os que teñen mérito son os que quedaron e mantiveron...
Comentarios