martes. 22.06.2021 |
El tiempo
martes. 22.06.2021
El tiempo

Oliver Laxe abre as portas da súa casa a estudantes de cinema de Xenebra

O grupo de estudantes procedentes de Suíza, en Vilela, con Oliver Laxe. SILVIA FERNÁNDEZ ROMERO
O grupo de estudantes procedentes de Suíza, en Vilela, con Oliver Laxe. SILVIA FERNÁNDEZ ROMERO
O alumnado da escola HEAD está a pasar unha tempada na aldea naviega de Vilela onde vive o cineasta, que busca facer da experiencia un "intercambio de miradas" cos veciños da zona

Nestes días, Oliver Laxe non para de pensar nos seus avós. En que dirían de ver a aldea así, chea de xente de distintos lugares do mundo. O pasado domingo, 15 estudantes da Escola de Arte e Deseño (HEAD) de Xenebra chegaron a Vilela con tres dos seus profesores. Como parte da súa formación en cinema, esta escola facilita a convivencia cun cineasta no seu ámbito íntimo, ver cos seus ollos, entrar nese espazo onde a vida se trenza co cinema. O ano pasado viaxaron ao México de Carlos Reygadas; este, aos Ancares do director de O que arde.

"Soprendeulles que eu vivise aquí, pois acostuma asociarse a vida dun cineasta coas capitais, coa cidade", di Oliver. E tamén lles sorprendeu o lugar, que xa lles abraiara cando viran nas salas suízas o seu último filme; un lugar onde o asombro semella formar parte dos ollos.

Para Oliver é o primeiro curso que ofrece como docente na súa aldea naviega dende que restaurou a casa familiar materna para irradiar dende ela un centro cultural e de coidado do territorio. Curso, coma o do río Ser que corre tan preto, a experiencia. Comer e cear xuntos, facer ioga polas mañás, desbrozar onde é preciso, limpar aquela zona do río, atender as cabras, falar cos veciños. Este mércores percorrerán distintos lugares da comarca en furgoneta. Nos vindeiros días recibirán a visita dun biólogo e dun xeólogo, que lles achegarán outras miradas sobre o territorio.

"Para min é importante que sexa un intercambio, un intercambio de miradas coa xente local", afirma Oliver.

O cineasta convida aos veciños a compartir o seu tempo cos estudantes nos vindeiros días e mostrarlles "a forza da nosa raíz"

CONVITE AOS VECIÑOS. Por iso, o cineasta convida a outros veciños a seguir o seu xesto e, dalgún xeito, abrir o seu tempo aos encontros con estes estudantes que nos vindieros días verán andar pola zona. "Como somos xente hospitalaria, gustaríame que acollésemos a estas persoas que veñen de fóra e que lles mostrásemos a forza da nosa raíz", indica.

O director anima ás veciñas e veciños dos Ancares a desfrutar "con xente que é feliz de estar aquí, da mirada inocente de quen se achega a este lugar", comenta. Para que este agasallo de espellarse nos outros suceda coas garantías sanitarias que a situación require, alumnos e docentes de Suíza arroxaron un resultado negativo nas probas PCR que lles foron requiridas para vir.

Os estudantes trouxeron consigo varios equipos de cámara, con intención de gravar. Pero iso non será até ben entrada a semana que vén. "Imos despacio. Hai que merecer o lugar antes de gravalo", comenta Oliver, que estes días comparte con eles algunhas das localizacións de O que arde. Nos que seguen, sen forzar un resultado, formaranse distintos grupos para filmar o patrimonio material e inmaterial da serra.

Deste xeito, contribuirán "a enriquecer a biblioteca de imaxes da zona", indica. Farano, ademais, nun momento que o cineasta observa neles como de "apertura, dunha fraxilidade que considero positiva, que nos fai humildes, coma cambiando a pel", logo dos meses duros de confinamentos. A pel que se deixa en Vilela, que tamén cambiou de pel de avós a neto e agora trenza a vida e o cinema nun curso que é coma o do río.

Oliver Laxe abre as portas da súa casa a estudantes de cinema de...
Comentarios