miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

O home do tempo de Burón

Antonio Fernández, coa leña de madeira de carballo.
Antonio Fernández, coa leña de madeira de carballo.
Antonio Fernández sabe ler os sinais do clima que vai vir para un ano enteiro, e tamén calcular a mellor das lúas para podar as árbores, cortar os cabelos ou botar as verzas. COn máis de 90 anos, a súa boa memoria sabe rimar cada dito do calendario

Quen ten A sorte de coñecer a Antonio Fernández, pode adiviñar o tempo que vai facer o ano enteiro. "Hoxe estamos na resorte de febreiro", dixo, naquela primeira conversa na súa casa na Proba de Burón. Era o 14 de xaneiro. Segundo lle contou o seu avó de Sequeiro, os 24 primeiros días do calendario marcan a metereoloxía dos doce meses. Ao día un correspóndelle xaneiro; ao dous, febreiro; ao tres, marzo... e así ata decembro. A este primeiro reconto chámaselle "sorte". Pero como nada no mundo está quieto, moito menos o tempo, á "sorte" síguelle a "resorte", do 13 ao 24 de xaneiro. Para saber como vén febreiro, por exemplo, habería que sacar unha media entre o 2, que foi asollado, e o 14, que foi ventado. Aínda que, de calquera xeito, "febreiro, frebas dá. E se non é á entrada, á saída o recordará", comenta agora, xa ben entrado este mes que nos ten tolos, aínda que na cociña da súa casa todo semelle estar en orde.

"Cando chega a nebra a Padrón e dá a volta ata Navia, sol que rabia. E se baixa a Burón, auga e trombón"

Carmen, a súa muller, deixa asomar un sorriso de cando en vez, escoitando o seu home dende o escano da lareira, "sempre tan enxeñoso", indica. El ensina a leña antes de engadila á chama. "É de carballo e ten tres anos, pero está tan ben porque foi cortada no minguante; se fose no crecente, xa tería a casca toda levantada", indica. "A lúa aféctalle moito á madeira", conta. Nada que na súa terra non soubesen os antigos. "Escolleron ben a lúa", di, mirando os pés de salgueiro que aínda sosteñen o hórreo da aira da casa, ao que lle calcula douscentos anos. Antonio pasa dos 90. Dende logo, tamén con el os astros atinaron.

OS CABELOS DA LÚA. Aos ollos da lúa, as persoas somos semellantes ás árbores. O cabelo demora en crecer cando se corta en minguante, pero medra máis forte, di. Tamén as maceiras do pomar. E os paus de bidueiro que endereitan os feixóns -"cortados en crecente, estes pauciños que non teñen máis ca sámago non duran máis de dous anos, e estes xa teñen sete", matiza-. Os nenos "encárganse" en crecente, e as nenas, en minguante, e non saen do ventre ata que a lúa se completa.

"Canto sabe Antonio! Sabe cando botar os allos, as cebolas, e as verzas para que non espiguen! E que memoria ten!", indica a veciña que os visitou nesta mañá de febreiro. "Pola noite fago repertorio", di el, que presume de saber os apelidos de todas as casas de Burón, e dunha memoria que non é sen mérito. E de memoria sabe que "cando chega a nebra a Padrón, e dá a volta ata Navia, sol que rabia. E se baixa a Burón, auga a trombón". Ou que "cando o Muradal pon o capelo, os outros tesos tremen co medo, menos o Montouto, que pode poñer outro", conta, e explica que o capelo é, neste caso, un chapeu de nebra.

Quen tanto sabe fala dos seus mestres. Estes refráns oíunos a un vello de Mourisco. Moito se lembra dos saberes da lúa que lle aprendeu un médico na guerra. Da veciña de Burón que chegou a poñer 60 remendos na saia. Do seu pai, "un zurdo moi certeiro" que traballou na madeira en Cuba e lle amosou "as tres caídas que ten unha árbore". Do seu avó, que foi zoqueiro. Os seus netos, agora, aprenden del. Adiviñe ou non, eles van sabendo que só no seu xeito de mirar a lúa hai algo certo.

Calendario popular

O prognóstico Calendario popular Segundo a sorte e a resorte do ano 2020, este virá cun verán seco que levará as fontes a menos, di Antonio Fernández. Segundo os mesmos cálculos, será posible aplicar o seguinte refrán nos vindeiros meses: "cando marzo maiea, maio marcea", pois os dous meses saíron revirados.

Aínda febreiro
"Cando a Candela chora,/ medio inverno vai fóra./ Que chore ou deixe de chorar,/ medio inverno está por pasar", comenta Fernández, referíndose ao pasado 2 de febreiro, día da Candelaria.

As frebas de febreiro
As frebas, en Burón, tamén son as neves. E febreiro debe telas, e a auga levalas. "Porque se é o sol o que leva a neve, non se aproveita. Non sei para onde vai nin onde a mete", bromea.

En marzo
En marzo hai que ter coidado e estar calado, porque xa se sabe o que lle dixo o pastor ao mes: "vaite marzo garfo, que este ano non me tocaches o rabaño". E marzo respondeu: "con tres días que me quedan, e tres que me vai prestar abril, de min non te has rir". E matoulle unhas cantas ovellas.

Centeo
"O día de San Xoán, sécalle a raíz ao pan./ O día de San Pedro, sécalle a do medio./ O día de Santa Isabel, seca todo el, e xa está listo para coller", indica sobre o cultivo de centeo, antano tan importante nas terras da montaña de Lugo.

O home do tempo de Burón
Comentarios