O ceo que cae nas Nogais

Santo André é a igrexa máis antiga da comarca, pero urxe unha rehabilitación que manteña o seu patrimonio en pé
Anxo Eiriz, no presbiterio da igrexa de Santo André. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Anxo Eiriz, no presbiterio da igrexa de Santo André. VICTORIA RODRÍGUEZ

O mundo entraba no século X baixo as doelas da porta sur da igrexa de Santo André das Nogais. É a porta do templo que conserva "a fábrica máis antiga", explica Carolina Casal Chico, unha das maiores expertas no románico da provincia de Lugo. E engade: "O mundo do século X era moi cosmopolita".

Diante desta porta de Santo André, entender o tempo é fundamental para entender o espazo. Para ver mellor a que se considera a igrexa más antiga das 250 que coroan a comarca de Os Ancares, Carolina Casal alerta do trampulleiro que é o termo "mozárabe" que sempre se lle asigna. "Non se pode cargar ao lombo dun grupo de persoas toda a arte dos séculos IX e X. A historiografía franquista construiu a visión dunha Península separada en dous bloques, pero iso é unha manipulación. O fluxo de persoas foi constante e houbo talleres e formas de facer. A arte era cosmopolita, pero levada a cabo tamén por mestres rurais, cos recursos limitados", explica. Ese é o caso de Santo André, o seu valor, a súa maxia.

Sen embargo, a feitura de Santo André non foi só moldeada por mestres rurais. Á igrexa tamén chegou, no primeiro tercio do século XIII, un Cristo de Limoges, capital francesa do esmalte. "Tratábase dunha auténtica multinacional da arte sacro, con comerciais que viaxaban para vender as pezas", conta Carolina. Se cadra o sacerdote de Santo André comprouno en Lugo, ou o "comercial" chamou á mesma porta do templo, próximo como está do Camiño de Santiago. Hoxe, é unha das pezas que exhibe o museo catedralicio de Lugo.

O CEO DA MONTAÑA. Centos de anos máis tarde, no ano 1979, Anxo Eiriz atravesaría esa mesma porta sur, cando chegou alí como párroco, "cando aínda non había tractores na zona", lembra. Daquela, tamén por ela pasaban ducias de fieis. A festa do Corpus congregábaos durante unha semana enteira, e tamén a celebración do Santo André, en novembro.

Hoxe, sen embargo, na parroquia apenas quedan veciños. E do mesmo xeito que os habitantes superpuxeron as súas historias ás que a Igrexa escribira na pedra, facendo máis seu o patrimonio, tamén eran eles os que sostiñan o ceo. Ese azul que Casal Chico sitúa no XIX, "cos cortinados típicos do neoclásico", ese ceo está a caer.

O párroco, Anxo Eiriz, foi quen liderou a petición para a súa rehabilitación no ano 1987, antes de ser declarada Ben de Interese Cultural no 1995. Hoxe en día, tamén é el quen custodia a chave dunha porta que sempre está disposto a abrir a petición dos visitantes, pero que sen el mantería todo este patrimonio único en silencio.

ORIXES. Chama a atención Xabier Moure, presidente do colectivo Patrimonio dos Ancares, sobre a escasa documentación arredor desta igrexa, que tamén considera ·a máis antiga e das máis importantes da comarca·. Para Carolina Casal Chico, a súa orixe estaría na Alta Idade Media, nun primitivo cenobio. Hai que ir máis aló no tempo para imaxinar, a través das palabras desta investigadora, aqueles homes e mulleres que nos albores do cristianismo se afastaron do mundo nos Ancares, para buscar outro azul máis intenso.

Sen embargo, para confirmar a antigüidade do templo, fai aínda falla investigación. "Se esta non se leva a cabo, perderemos parte do noso ADN como cultura, como pobo", lamenta. "Non se están levando a cabo os coidados que corresponden a un Ben de Interese Cultural", critica tamén Moure.

As pedras falan. Tamén fala o azul. Pero as súas voces están agora caladas en favor dun único clamor: que non caia, que non caia o ceo das Nogais.

Aves do paraíso na igrexa de Santo André das Nogais. VICTORIA RODRÍGUEZ
Relevos Aves do paraíso

Nos altos relevos do presbiterio a arte románica situaba todo canto tivera que ver co ceo, coma estas aves do paraíso, tinguidas xa polo antollo das capas posteriores de pintura.
Xeometría na igrexa de Santo André das Nogais. VICTORIA RODRÍGUEZ
Xeometría Arcos

Os relevos das portas laterais conservan o que son os vestixios máis antigos, os frisos tallados no século IX, ou incluso máis antigos, á espera dunha investigación que os date.
Cristo da igrexa dos Nogais. VICTORIA RODRÍGUEZ
Cristo Lemosino

A investigadora Carolina Casal relaciona este Cristo cun taller lemosino no primeiro tercio so século XIII. "Triunfante, con coroa flordelisada, propio dun románico pleno", explica.
Retablo da Virxe do Rosario, na igrexa de Santo André das Nogais. VICTORIA RODRÍGUEZ
Retablo Virxe do Rosario

O retablo barroco da Virxe do Rosario é dos elementos máis deteriorados da igrexa. Danado pola couza e a humidade, o párroco reclama como necesaria unha intervención.
Canzorro románico na igrexa de Santo André das Nogais. VICTORIA RODRÍGUEZ
Canzorro A 'fame' e a 'sede'

Os veciños déronlle os nomes de 'a fame' e 'a sede' aos canzorros románicos que coroan os capiteis da ábsida da igrexa. Este tamén pertence ao coñecido como 'románico sexual'.
Reloxio de sol na igrexa de Santo André nas Nogais. VICTORIA RODRÍGUEZ
Reloxo de sol En lousa

Un dos muros laterais da igrexa loce un reloxo de sol, tallado sobre unha lousa. Chegou á igrexa na época da ilustración e os veciños utilizárono ata hai pouco pola súa fiabilidade.
Pedras que se usaron para afiar na igrexa de Santo André das Nogais. VICTORIA RODRÍGUEZ
Pedras De afiar

Algunhas das pedras da igrexa de Santo André tamén se utilizaron para afiar fouciños, coitelos e navallas. As súas fendeduras percíbense a simple vista.
Porta da penitencia da igrexa de Santo André das Nogais. VICTORIA RODRÍGUEZ
Porta da penitencia Lendas

O cura, Anxo Eiriz, conta que cando chegou á parroquia a xente aínda manifestaba medo ante a porta tapiada que pode verse nun dos muros, que asociaban a xuízos da Inquisición.

Comentarios