Adrián Méndez: "Non hai grupo folclórico que non toque un baile da Fonsagrada"

A asociación Petapouco e a Destempo está detrás da organización da Foliada da Fonsagrada, que vén de recibir o galardón como mellor festival nos premios Martín Códax. Á súa vez, detrás do colectivo hai unha vintena de persoas que dan forma e alma a un evento que cumpre 8 anos
Adrián Méndez. EP
photo_camera Adrián Méndez. EP

Con só sete edicións ás costas e coa oitava ás portas, a Foliada da Fonsagrada vén de consagrarse. Os seus fieis asistentes xa a consolidaran como unha cita ineludible no calendario da música tradicional e os premios Martín Códax apuntalárona como unha festa necesaria. Na noite do mércores, este evento, que nacía das ganas, do tempo e do empeño que puxeron os rapaces da asociación Petapouco e a Destempo, que preside Adrián Méndez, alzouse como o mellor festival de Galicia. Na Fonsagrada xa sabían que o era.

Que ten de especial a Foliada da Fonsagrada? Cal é o segredo?
Nós organizámola como calquera outra foliada, baseándonos nesa potencia que ten A Fonsagrada a nivel folclórico, ese romanticismo dos seus gaiteiros e de músicos como Florencio, o Cego dos Vilares. A xente vén buscando vivir o que viviron eles, esa experiencia. A iso hai que sumarlle o ambiente tan familiar que hai e o hospitalaria que é a xente da Fonsagrada, que che abre a porta da cociña aínda que non te coñeza.

No mes de decembro cumpre oito edicións, pero como naceu a Foliada?
Foi idea de dúas persoas. A min chocábame que A Fonsagrada, coa bagaxe etnográfica que ten, non tivese unha foliada como a de Melide, que é incrible, unha festa que homenaxease os gaiteiros e bailadores de aquí. Naceu, máis que para reivindicar, para homenaxear. Este concello leva a coroa cando falamos das gaitas e dos gaiteiros, pero tamén temos harmónica, trompa, acordeón, violín... Que non se tocaba na Fonsagrada? (Ri) Menos pandeiretas, aquí tocábase de todo e, de feito, non hai grupo folclórico que non toque un baile da Fonsagrada.

Os Martín Códax recoñécenlles todo iso. Agardaban o premio?
A verdade é que non esperabamos gañar porque, dos finalistas, eramos o festival menos visible, pero vese que a xente folk é moi fiel, xa que a final foi por votación aínda que o nomeamento veu por parte dun xurado. Xa eramos conscientes do importante que era estar aí, pero este premio é a chave, dános un empuxón importante á hora de petar as portas en busca de financiamento antes inaccesible.

A da Foliada está sendo unha carreira meteórica.
Foi todo exprés. O salto démolo da terceira á cuarta edición mediante o boca a boca. Daquela tiñamos unha carpa pequeniña e no cuarto ano non nos cabía a xente. Logo fomos ampliando, pero o ano pasado xa se quedou xusta.

Xa pensan na deste ano?
Para esta edición a xente ten expectativas moi altas, entre a lotaría de Nadal e este premio... De momento temos cousas na cabeza e o noso obxectivo será mellorar todo o anterior.

Están acostumados a esgotar as prazas hoteleiras aínda que non se saiba o cartel.
Si, moitos deixan reservado dun ano para o outro e quen vén unha vez, repite, aínda que non sexa xente que siga o tradi. É verdade que non hai moitos lugares nos que hospedarse na Fonsagrada, por iso habilitamos unha escola fogar cunhas 200 prazas e os demais quédanse en caravanas, furgonetas...

Para os membros da organización son días de moito traballo.
Son tres días nos que durmimos unhas cinco horas, practicamente non vemos a luz e podemos desfrutar pouco, pero o domingo é un día moi gratificante.

Pode que haxa quen se enganchou ao tradi despois de ir á Foliada?
Seguro. Na Foliada forxouse de todo: naceron parellas, grupos de música como De Ninghures... Ademais, alí hai xente moi nova, a media de idade é moi baixa, así que toca barallar a posibilidade de que esta música tradicional estea na categoría de urbana. Que pode haber máis urbano que unha fila de bailadores novos?

Tanxugueiras levou a música tradicional máis alá de Galicia e a Foliada é todo un escaparate.
Si, elas déronlle visibilidade e romperon esteorotipos e nós somos case internacionais (ri). Un rapaz de Suíza que toca o acordeón veu varias veces, a última o ano pasado. Aínda que haxa 300 curvas, merece a pena subir para ver o que alí temos.

Comentarios