As Nogais é lugar de paso, pero aínda o foi máis. Na época na que o Camiño Real vertebraba a comunidade e a Nacional-6 abreviaba o camiño de Madrid á Coruña, esta vila ancaresa era parada obrigada para os viaxeiros, que alí se facían con carne, con pan e con empanada. Precisamente, este último manxar, indispensable en calquera recuncho de Galicia, tiña un especial reducto nas Nogais, onde este domingo o quixeron evocar.
Na XVI Feira da Empanada a localidade encheuse deste produto do que se venderon ducias de unidades e alí volveu a recender a pan. Recorda o seu alcalde, Jesús Núñez, que "ao ser un lugar polo que pasaba tanta xente e paraba, había varias panadarías. O olor a pan e a empanada inundábao todo", conta, ao tempo que recorda que "hai anos había tres carnicerías e moi boa carne de tenreira". Coa chegada da autovía iso foi esmorecendo —ata lembra que no momento da súa apertura había nas Nogais "uns 250 empregos relacionados coa hostalaría e co paso de viaxeiros"—, pero para iso están citas coma a celebrada este domingo.

A xornada, que abría solleira e se tornou chuviosa co paso das horas, arrancou coa apertura dos arredor de 40 postos de gastronomía, artesanía e produtos relacionados co sector primario que se reuniron na Praza do Concello. Seis deles eran panadarías da zona que, en maior ou menor medida, esgotaron as súas empanadas antes de chegar ao xantar, e iso que variedades non faltaban. Ademais da propia, a de liscos, os presentes tamén puideron degustalas de zamburiñas, de mazá, de bacallau con pasas, de bonito ou de carne.
O encargado de pregoar esta edición número 16, coa que o rexedor bromeaba ao dicir que "nas próximas eleccións municipais xa será maior de idade e poderá votar", foi o exsecretario municipal José Ignacio López López, becerrense que exerceu este posto durante tres décadas ata a súa xubilación, hai catro anos.

Na súa intervención, López referiuse ao mundo rural e á súa esencia, afastado de ideas "ficticias", unha realidade que coñece ben ao ter nacido en Becerreá e traballar media vida nas Nogais, e ao remate recibiu unha réplica do concello a modo de agasallo de mans de Jesús Núñez, ao que o une unha relación de amizade ademais da vinculación laboral durante oito anos, conta o rexedor.
E nesta cita festiva, organizada de novo pola Asociación de Empresarios das Nogais e o Concello, non podía faltar a animación. Desta volta recaeu na música e no baile tradicionais que aportou a asociación cultural nogalega Abrente e tamén Airiños do Neira, de Baralla, cuxos membros puxeron todo da súa parte para deixar o mellor sabor de boca de cara ao vindeiro ano.