Nenos que chegan ao teito... da montaña

Cerca de 60 alumnos de colexios de Navia de Suarna e de Cervantes achegáronse a Piornedo para aprender a teitar as pallozas da man da asociación que está recuperando este oficio

Os cativos participando nas actividades. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Os cativos participando nas actividades. VICTORIA RODRÍGUEZ

Primeiro, recoller o mollo, mallado. Despois, escolmalo. Atar o colmo co brincallo, e tamén a mañiza. E, postos os colmos sobre os cangos e as ripias, teitar.

Un total de 60 nenos do CPI Plurilingüe Navia de Suarna e do CPI de Cervantes, con idades entre os 4 e os 16 anos, aprenderon onte o significado destas palabras. Fixérono da mellor maneira, recuperando a experiencia que nomean: o teitado que coroa as pallozas da comarca, en Piornedo. E tamén coa mellor compaña, da man da asociación Teitos de Piornedo, formada por varias mulleres do lugar que decidiron dar un paso á fronte para que a tradición do teito de centeo se manteña en pé.

Na xornada de onte, Lola López foi a encargada do obradoiro de escolmar, é dicir, de seleccionar a palla para teitar. "Para iso, hai que poñer espigas con espigas, e couces con couces", indicaba . "Cal é a espiga? Cal é a couce?", preguntaba aos máis pequenos. Despois, os nenos golpeaban as couces contra o chan, que no léxico do teitador chámase "paletar". "Cando nós eramos pequenos, o que máis nos gustaba era deitarnos na palla. Non o queredes probar?", dicía Lola.

QUE CIRCULE O COÑECEMENTO! Pero alí non só había miúdos. Dulcina, por exemplo, achegouse para ver ao seu neto, Raúl. O seu tío, de Vilarello, era un teitador "moi coidadoso", nunha época na que cadaquén teitaba a súa casa, porque cada palloza estaba habitada.

A paleta, de madeira de freixo, é un dos seus instrumentos, que serve para darlle á palla un mesmo nivel

Tamén o neto de Adoración empurrou a súa cadeira de rodas, para que ela puidese ver o xeito que se daban os miúdos co centeo nos distintos lugares dos obradoiros. A súa filla, Amelia Rodríguez, unha das impulsoras da nova asociación, lembraba como era a vida baixo eses teitos. "Era un espazo que se ofrecía para falar, para a transmisión de coñecementos", comenta. Un espazo circular, para que o coñecemento circule.

E diso se trata. De que a raíz do centeo se retorza no monte -onde sempre se botou nesta zona, segundo conta Isolina Rodríguez, outra das integrantes de Teitos de Piornedo, que agora recupera este cultivo-. De que as mans xiren para torcer a palla e formar un brincallo, "canto máis torcido, mellor". Con eles, os nenos ataron os colmos para facer por fin o teito.

Hoxe en día, Juan González, de Burbia (no Bierzo), é o teitador de referencia na zona. Para dicir a distancia entre Burbia e Piornedo, pregunta: "Camiñando?". E con razón. A pé, son catro horas de carreiros e costas. En coche, 60 quilómetros de curvas.

Onte foi o encargado de ensinar a parte final do oficio, ao tempo que escolmaba entre os estudantes aqueles con mans de teitador. "Eu non teño man para todo!", dicía, amosando as súas, cheas de historia e dun traballo que non lle falta. El, sen embargo, non foi tan duro con eles coma o seu mestre fora consigo. "A min non me deixou coller a paleta ata despois de catro anos escolmando", confesaba.

A paleta, de madeira de freixo, é un dos seus instrumentos, que serve para darlle á palla un mesmo nivel. Os outros son unha navalla e un "carro", unha ferramenta que fai que o centeo non se mova na estrutura que o soporta, o cango.

Juan González pensaba que si, que nese grupo había, alomenos, unha futura teitadora. Os profesores estaban contentos tamén, vendo como os alumnos pronunciaban as palabras que xa eran propias. E os nenos... que máis se pode pedir? Non tódolos días se chega ao teito... da montaña.

Comentarios