Un naviego recolle nunha web os xogos dos Ancares como traballo de máster

Isamel Álvarez, estudante da Universidad de Burgos, compilou 70 manifestacións lúdicas de toda a comarca
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Isamel Álvarez, cos Ancares ao fondo

A que xogamos? E... hai canto que non facemos esta pregunta? Case soa coma doutro tempo, daquel non tan preso á utilidade das cousas, un tempo que se cadra cómpre recuperar. Así o pensa Ismael Álvarez, Ismael de Quintá para os veciños de Navia de Suarna, que durante a corentena e a desescalada fixo unha recolleita de xogos tradicionais da comarca dos Ancares para plasmalos nunha web interactiva que será o seu Traballo de Fin de Máster (TFM) en Comunicación y Desarrollo Multimedia na Universidad de Burgos.

Generated by  IJG JPEG LibraryIsmael fíxose esa pregunta nos días longos do confinamento e durante a desescalada quedou con varias persoas para xogar. Nun inicio, a súa idea de TFM era outra, pero a crise sanitaria colleuno en Navia. Sen poder moverse, tivo que abrir ben as orellas para saber que materiais podería ter a man para traballar. Tan a man como os que lle brindou a súa nai, que un día comezou a falar dun xogo tradicional da zona. E así son as cartografías que se debuxan co lapis: basta unha palabra, unha conversa, para que emerxa un territorio enteiro.

Ismael lembrou entón o 'arríncate nabo', ao que xogaba cos outros cativos do colexio en Navia. Lembrou ser nabo e intentar permanecer amarrado, así como "nai" e tentar soltar aos compañeiros coma se fosen verdura chantada. Tamén se acordou de que no CPI fixeran unha xornada de xogos tradicionais, e púxose en contacto co centro para pedirlles información. Do seu arquivo saíron fotografías como as destas páxinas, e así comezou a súa investigación.

Generated by  IJG JPEG LibraryCon 70 xogos recollidos, este estudante naviego puxo un punto ao seu traballo. Un punto talvez e seguido se nun futuro obtén axuda para ampliar e para traducir a web ao galego e ao inglés, xa que agora ten que entregala en castelán para presentala en Burgos. Para compilar estes xogos serviuse da axuda de varias asociacións, como Airiños do Neira, de Baralla; Abrente, das Nogais; Petapouco e a Destempo, da Fonsagrada, ou Piornedo Anda e O Teixeiro, de Cervantes. Neste último lugar, a axuda de Isolina Rodríguez e Lola López foi "moi importante", resalta. A elas gravounas xogando á 'cocha', "o xogo máis divertido de todos, e que en Piornedo consideran moi de alí", indica, aínda que teña moitas semellanzas co xogo que noutros lugares se coñece como 'a porca'. "«É moi difícil dicir se un xogo é autóctono, porque viaxan dun lugar a outro con variantes. O que si que se pode dicir é que os veciños o senten como propio , da importancia que ten para eles", comenta.

Generated by  IJG JPEG LibraryCada cultura ten os seus xeitos de xogar, pero a capacidade de xogo é común a todas elas. "Seguimos xogando coas novas tecnoloxías, seguimos sendo humanos", comenta Ismael, que o que fixo foi tender cabos entre eses dous extremos da corda, onde están, dun lado, os xogos tradicionais, e doutro, as pantallas.Os nomes destes xogos non están no diccionario, pero aínda poden pertencer ao corpo.

Este naviego quere que a súa web sirva de ferramenta educativa nos ciclos de primaria. Que a 'cuncurrunquela' volva facer que pensemos quen nos está a beliscar e a "palmatoria", de quen é a man que sentimos no lombo. "Ás veces vese reducida a idea da cultura no rural a catro cousas, cando en realidade hai unha diversidade enorme", comenta. O xogo forma parte dela.

En imaxes
Neste artigo, aparecen, de arriba a abaixo, imaxes dos seguintes xogos
O aro. Á volta cos instrumentos. O xogo consiste en conducir un aro de ferro cun pau de madeira. Facíanse carreiras e competicións nas que perdía quen chegaba de último ou tamén quen deixaba caer o aro.
Carreira de sacos. Día de festa. As carreiras de sacos eran comúns nos días de festa e, coma en calquera carreira, gañaba o primeiro. A desta fotografía corresponde aos festexos da Virxe das Dores en Navia de Suarna.
Toma rosca e molla. Ollos vendados. Tamén nos días de festa había quen xogaba a coller unha rosca coa boca e, sen axuda das mans, mollábaa en chocolate para darlla de comer a outra persoa e rematar todos enlarafuzados.

Comentarios