Navia homenaxea a Oliver Laxe como fillo adoptivo e por ser "defensor das aldeas"

O nomeamento foi en 2020, pero o acto público retrasouse ► O evento, no que estará presente o cineasta, será o xoves
Oliver Laxe, nunha imaxe de arquivo, en Navia de Suarna. J. VÁZQUEZ (AEP)
photo_camera Oliver Laxe, nunha imaxe de arquivo, en Navia de Suarna. J. VÁZQUEZ (AEP)

O pobo de Navia de Suarna renderalle homenaxe a un dos seus veciños máis ilustres, o cineasta Oliver Laxe, con motivo do seu nomeamento como fillo adoptivo do municipio. Un título que se entregou no ano 2020 e cuxa celebración oficial se retrasou ata agora a causa da pandemia e da axenda do propio director.

O acto do xoves, na casa consistorial ás 13.30 horas, será tamén un "agradecemento público" a Laxe "polo que leva colaborado e por querer regresar aquí", expresa o alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, ideador xunto cos seus compañeiros de equipo de goberno deste nomeamento. "Ademais de ser un gran cineasta, con méritos indiscutibles, é un recoñecido defensor das aldeas, do noso concello e de toda a zona", engade o rexedor sobre o homenaxeado, que pese ás múltiples obrigas que o levan a viaxar a miúdo, "ten a súa residencia habitual aquí".

José Fernández fala de Vilela, a terra da nai de Oliver e o lugar no que se atopa a casa familiar, Casa Quindós, á que o director volveu e na que asentou ata convertela, a través da asociación Ser, nun oasis para artistas e creadores. Aquela vivenda, tanto tempo deshabitada, é hoxe un verxel de ideas grazas á tesón dun home que, pese a nacer en París e a súa familia pasar por Barcelona ou A Coruña, optou por beber das súas raíces.

"Ter entre os nosos veciños a Oliver Laxe é un pouco coma a lotaría, non podería haber mellor embaixador", agrega o alcalde naviego dun home que non só está "implicado coa súa aldea, como sería normal, senón con todas, coa xente, coas tradicións, coas costumes, coa montaña. É un apaixoado do rural".

Como tal, mañá recibirá o recoñecemento dos seus veciños porque, di Fernández, "non é fácil ser profeta na terra dun". Oliver, que se suma a outros fillos adoptivos do concello de Navia de Suarna, estará presente nun acto que non só repasará a súa traxectoria vital, senón tamén profesional, como creador de cintas como O que arde –gañadora do premio do xurado na sección Un Certain Regard do festival de Cannes, en 2019, e o filme galego máis visto–.

Esta especial xornada rematará cun xantar no que o protagonista estará acompañado pola súa familia, achegados e membros da corporación.

Comentarios