Músicos e bailadores tomaron as rúas da Fonsagrada na súa foliada anual

A música, o canto e o baile non pararon en todo o día e a foliada que arrancou pola noite estivo moi concorrida

As rúas da Fonsagrada estiveron este sábado todo o día molladas, pero iso non impediu que se encheran de músicos, bailadores e amantes da tradición para desfrutar da foliada anual, que suma a súa terceira edición e se asenta no calendario de eventos festivos de corte tradicional.

Desde media mañá, os grupos A Sona de Berghantiños e De Ningures animaron a xornada tocando de bar en bar, onde foron seguidos por moitos vecinos e por moitas outras persoas que se achegaron ata A Fonsagrada para participar na festa.

Pola tarde, Lis Latas ofreceu un obradoiro de baile para que ninguén tivese escusa para ficar sentado durante a foliada, e Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero deron un concerto didáctico.

Un dos momentos máis concorridos foi o concurso de cantos de taberna. Participaron 13 agrupacións, que percorreron os bares da localidade e atraeron a centos de persoas, que desfrutaron da música, axudaron no canto e acompañaron con bailes.

A foliada propiamente dita comezou pola noite e abrírona gaiteiros da zona. Ao peche desta edición, agardabase polo concerto de Os Carunchos.

Paralelamente á festa, houbo postos de artesanía e unha mostra de instrumentos de Emilio do Pando. Para este músico fonsagradino houbo un recordo especial, coa presentación dun adianto do documental que dará conta da súa vida e obra.

Comentarios