miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Música, teatro e unha ruta celebran o Día da Muller Rural nos Ancares

Actuación de Son de Cores na igrexa de Cereixedo.
Actuación de Son de Cores na igrexa de Cereixedo. EP
Integrantes da Anpa do CPI de Cervantes, do CDR e da asociación A Cambela elixiron a igrexa de Cereixedo para festexar a efeméride e chamar a atención sobre o seu estado de conservación

As mulleres da Anpa do CPI de Cervantes, do CDR Ancares e da asociación A Cambela puxéronse en marcha o sábado para festexar o Día Internacional da Muller Rural.

Fixérono literalmente, cunha ruta entre a aldea de Deva e a campa de Brego. Para elas, facer eses catro quilómetros é coma camiñar polo corazón dos Ancares, a pesar de non ser un dos lugares máis coñecidos da serra. Ese foi un dos motivos para escoller a zona para a andaina. Tamén o refuxio de Brego, onde remataron cuns bocatas. E a igrexa de Cereixedo, que dá nome á parroquia pola que se moveron.

"O templo está en mal estado e quixemos aproveitar para chamar a atención sobre isto, para que sexamos conscientes do que temos", conta Isabel Calvete, presidenta da Anpa. Con ese xesto, dino todo. Din que as mulleres da Montaña celebran e reivindican, cantan e loitan, desfrutan e reclaman.

Alí na igrexa tivo lugar a actuación do grupo Son de Cores, do que algunhas das organizadoras forman parte baixo a docencia de Blanca Villares, que tamén participou no encontro. O grupo de teatro Axóuxere tivo que cancelar a súa peza, pero foi no seu lugar a compañía Lila Teatro,que tamén actuou na igrexa.

Noelia Rodríguez, da asociación A Cambela, leu un manifesto que comezou coa imaxe da súa nai limpando as fabas. Nesa coidada selección, nese gardar o alimento para todo un ano de caldos, quixo ver o perfil da muller rural "que nos coida e que nos ensina tradicións e costumes de xeración en xeración para que non deixemos perder o sabor auténtico do seu traballo", un labor "ao que nunca se lle recoñeceu ningún mérito", denunciaba.

Maruxa Bardasco tamén leu un texto no que recoñeceu a historia e traballo das predecesoras, das mulleres pouco valoradas ou invisibles "que abriron camiño para as que viñamos detrás, pois elas están en cada acción, en cada logro, en cada batalla gañada", indicou.

"Sen elas non estariamos aquí", comentaba Isabel Calvete, que destacaba a importancia de festexar xornadas coma esta, que fagan un pouco de xustiza.

Calendario: feira de artesanía e degustación 
O vindeiro día 6 de novembro as organizadoras tamén celebrarán a Feira de Artesanía en San Román. Esta iniciativa, que cumpre nove edicións este ano, naceu por iniciativa da Anpa do CPI de Cervantes ante os recortes en educación nos colexios da Montaña.

As súas impulsoras manteñen hoxe en día esa loita pola educación no rural, mentres a feira tamén se converteu nun escaparate dos produtos da comarca.

Tenreira da Carqueixa

Este ano, no mesmo día, tamén se celebrará a primeira xornada de degustación de tenreira dos Ancares. O produto vén da cooperativa A Carqueixa, cuxas prácticas de pastoreo en extensivo contribúen a soster unha das paisaxes máis biodiversas de Europa. Ese día serviranse un total de 300 racións.

Música, teatro e unha ruta celebran o Día da Muller Rural nos Ancares
Comentarios