sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Montes e Vales potencia o turismo de Ancares e Burón a través da súa cociña

Unha alvariza ou cortín. EP
Unha alvariza ou cortín. EP
O GDR poñerá un selo a disposición dos restaurantes da zona ► A idea é que os hostaleiros sexan "antenas do territorio"

Se a cociña é o lugar máis importante de cada casa da Montaña, é tamén porque nela converxe todo un territorio. Potenciar como recurso turístico esa relación entre a gastronomía e a paisaxe modulada polas súas formas de produción é o obxectivo de Cociña de Ancares-Terras de Burón, un proxecto que o GDR Montes e Vales Orientais está desenvolvendo nos dez concellos que compoñen o xeodestino Ancares-Terras de Burón, que son os da Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín.

Se o que move a moitas persoas a achegarse á Montaña é a cociña, o GDR quere propoñer que, dende a cociña, e a través dos sabores da zona, os visitantes poidan coñecer máis a fondo o territorio. A xerente da entidade, Fe Álvarez, ilústrao mellor con exemplos.Saberá alguén que o queixo con mel tan típico de sobremesa debuxa na paisaxe unha xeometría circular de alvarizas ou cortíns para protexer as abellas das fauces do oso? Ou mesmo que en Negueira de Muñiz hai un museo sobre apicultura no territorio? Saberá quen coma un chuletón da Carqueixa que os gandeiros da cooperativa manteñen a transhumancia dun lado a outro do Mustallar, e con ela a biodiversidade das campas?

"Os restaurantes que soliciten o selo de Cociña de Ancares-Terras de Burón para o seu menú ou para algún dos seus pratos serán antenas do territorio", indica Álvarez, antenas que, indicando a trazabilidade dos produtos, abrirán camiños en Ancares e Burón para que os clientes poidan coñecer de primeira man o traballo dos produtores. Desta maneira, búscase que os hostaleiros, e tamén os taxistas, coñezan os recursos que a unha persoa interesada pode ofrecer unha zona "con moitísimo potencial, cruzada polas vías xacobeas e que suma a maior extensión de espazos naturais e de reservas da biosfera en Galicia", indica Fe.

Este proxecto, financiado nun 80% –con case 30.000 euros– pola Axencia de Turismo de Galicia e nun 20% polos concellos participantes, nace nun contexto, como indica Fe Álvarez, no que "as persoas queren cada vez máis saber de onde veñen os alimentos que consumen", comenta. Neste caso, a xerente afirma que os produtos da Montaña xa teñen un valor engadido que só é necesario comunicar, algo que tamén pensan facer en Fitur a través dun vídeo que compile algunha das propostas desta cociña.

Montes e Vales potencia o turismo de Ancares e Burón a través da...
Comentarios