A Montaña rende homenaxe ao seu brindador 'da dentro'

Os veciños de Louzarela despediron onte ao Ribeira, que este domingo será lembrado no Filandón
Antonio Río Montero, coñecido como o Ribeira de Louzarela. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Antonio Río Montero, coñecido como o Ribeira de Louzarela. VICTORIA RODRÍGUEZ

Non facía falla nada para querer a Antonio Río Montero, mellor coñecido como o Ribeira, o brindador por excelencia das montañas orientais de Lugo. Facía falla un brindo, seguido do seu sorriso, para que a visita á súa casa nas Terras do Lóuzara fose un dos días máis brillantes na vida de moita xente. Así o lembraba onte Kike Estévez Hernández, amigo e escritor do libro O Ribeira de Louzarela. Brindador da dentro, e así o lembrarían os veciños e familiares que o despediron no enterro no cemiterio de Louzarela, en Pedrafita do Cebreiro.

A homenaxe a este brindador 'da dentro' non demorará en chegar. O vindeiro domingo, o Filandón do Courel recordará a quen foi unha das súas presenzas fundamentais. Conta Estévez, que botará uns brindos no seu recordo, que Xosé Lois Foxo, promotor do encontro, foi unha das figuras chave para darlle a arte do Ribeira un novo pulo na década dos 90, como na dos 80 fora o cura Xesús Mato. No primeiro Filandón coñeceu tamén a Carlos Núñez, con quen colaborou no seu disco "Os amores libres". A Foxo, conta Estévez, tamén lle debe a participación na Gran Rapsodia de aires populares de Galicia ou a súa viaxe ao Centro Galego de Lausanne. A homenaxe en vida chegou no último ano da man de Estévez, no libro de aCentral Folque co que afondou nesta figura na que se despregou un século de poesía improvisada, unha tradición vencellada á lírica medieval á que Antonio Río soubo dar novos escenarios tras esmorecer a cultura agraria que lle deu soporte.

Nesa tradición, a do brindo, que ten orixe nas vodas campesiñas, o Ribeira era tan bo, que cando ía dende neniño como brindador 'da fóra', a pedir café, tabaco ou rosca onde había unha festa, ao final facíano brindador 'da dentro', a quen cumpría defender a casa. Non facía falla nada para querer ao Ribeira.

Comentarios