Mónica Permuy: "Os procesos de reparación despois de sufrir abusos sexuais funcionan"

A fundación Meniños traballa desde hai case 26 anos pola protección infantil, con especial atención aos casos de abusos sexuais a menores. A directora da entidade, a cal está presente nas catro provincias e en Asturias, asegura que moitas das vítimas desta violencia logran "reconstruírse"
Mónica Permuy. EP
photo_camera Mónica Permuy. EP

Desde a fundación Meniños, psicólogos, pedagogos e educadores traballan a prol da protección infantil con programas que velan polo interese superior dos nenos en casos de violencia. A súa directora xeral, Mónica Permuy, cunha dilatada traxectoria ás súas costas, fala do que supoñen os casos de abusos sexuais a menores como os que sufriu unha nena de Baleira, polos que foron condenados a tres anos de prisión a súa irmá, como indutora, o seu cuñado e o irmán deste.

Que secuelas cabe esperar nunha vítima de abusos sexuais?
O abuso é un grave problema de saúde pública que ten consecuencias fatais para toda a vida e é moi común que nenos e nenas que pasaron por estas experiencias mostren regresións, condutas antisociais, violencia… Tamén dana os vínculos que establece coas demais persoas. Ten un impacto brutal aínda que non é igual sempre porque hai factores como a cualidade específica do dano, o tempo que durou, a idade da persoa ou a reacción da contorna. Cando hai unha situación de abuso sexual comezamos sempre igual: o que sucedeu non se pode desfacer, pero pódese continuar medrando a pesar do vivido, para iso están os procesos de reparación. Niso é no que traballamos na fundación Meniños, tratando de reparar todos estes acontecementos que deconstrúen a identidade da persoa e poder integrar ese suceso tan traumático na vida para poder avanzar.

A vítima de Baleira sufriu estes abusos entre os sete e os 13 anos. Con esa idade pódese ter conciencia do que está ben ou mal?
O abuso sexual defínese como unha acción na que se involucra a un menor de idade nunha actividade sexual que esta persoa non comprende completamente e non ten libre consentimento. Polo seu nivel evolutivo, non está preparado para entender esa actividade. No abuso sexual sempre hai unha simetría: un menor que non ten un desenvolvemento que lle permite entender esta conduta e unha persoa adulta que sabe perfectamente o que está perpetrando.

"Na maioría dos casos, o agresor é alguén próximo ao neno, quen sofre unha rotura da súa seguridade brutal"

O problema agrávase cando os abusos se dan na contorna familiar.
É o máis terrible. A xente pensa que é algo estraño, que aparece poucas veces, pero os datos apuntan a que un de cada cinco nenos en Europa sofre algún tipo de violencia e hai estudos que falan de que un 23% das nenas e un 15% dos nenos menores de 17 anos tiña sufrido un abuso sexual nos anos 90 en España. Enriba, as vítimas son maioritariamente nenas (entre o 78 e o 89%) e calcúlase que entre un 70 e un 85% dos casos o agresor é alguén moi próximo ao menor, do seu círculo familiar. Neses casos, as persoas que te deberían protexer son as que abusan, así que a rotura da seguridade do neno é brutal e xa falamos dun trauma relacional complexo. As consecuencias deste abuso acostuman ser moito máis dramáticas ao privárselles desa protección e seguridade que son necesarias para o seu desenvolvemento, polo que o menor se ve forzado a activar o nivel de vixilancia e alerta.

Ao rematar esa realidade na que se viviu tantos anos, a situación é de desamparo total.
Pois si. O tema do abuso intrafamiliar é que cando desaparece, os cambios que sofren os nenos e nenas seguen tendo consecuencias ao longo do ciclo vital porque son moi profundos na construción da súa identidade. Estes traumas deixan unhas pegadas no corpo, na mente e na alma e hai unha desregulación total. As persoas moitas veces non son capaces de integrar estas experiencias e prodúcense fenómenos que, terapeuticamente, tildamos de disoaciación.

Esas secuelas chegan a desaparecer nalgún momento?
Aquí vou transmitir unha mensaxe mensaxe en positivo: os procesos de reparación logran resultados positivos. Tamén hai procesos con nenos que son moi resilientes e que teñen ferramentas dentro de si que, cun pouco de axuda, lles van permitir seguir adiante. O ser humano é unha especie esperanzada, vimos deseñados para vivir e non só para sobrevivir. Hai que traballar durante bastante tempo para reparar o dano sufrido e non no 100% dos casos, pero si que en moitos se reparan as consecuencias.

Unha mensaxe esperanzadora.
Si, senón a sociedade adquire a sensación de que contra certos danos terribles non podemos facer nada, un sentimento que conduce á inactividade.

"Temos un modelo de relacións moi violento que se ve en todo tipo de estamentos, nas redes, nos medios... Hai que saber canalizar a repulsa"

Sobre os agresores, hai un perfil?
Non se pode falar dun perfil, pero si dunha forma de organización social que fomenta a violencia. Temos un modelo de relacións moi violento que se ve en todo tipo de estamentos sociais, nas redes, nos medios... Interaccións non argumentativas, non respectuosas, non de bo trato. Isto constrúe persoas pouco sás.

Nas redes agroman as respostas violentas contra certos actos.
A violencia non se responde con violencia, non soluciona nada. É normal que sintamos repulsa, pero é normal, como persoas humanas, que saibamos canalizar construtivamente esa repulsa.

"Claro que existe a maldade, temos que ser conscientes diso e de que nos construímos a nós mesmos con miles de decisións ao día"

Dáse con frecuencia a situación de vítima convertida en verdugo?
Cando as persoas viven en sistemas familiares con violencia, hai unha resposta a iso. Poden pasar varias cousas, pero hai un patrón de xénero: as mulleres tenden a seguir sendo vítimas na vida adulta e nos varóns hai máis tendencia a que a vítima se converta en agresor. En todo caso, un sistema violento enxendra violencia e esta acábase normalizando dunha maneira ou doutra. O primeiro sistema no que medramos é o dos tres primeiros anos da nosa vida, que son cando se crean os factores máis importantes do noso funcionamento mental. Ese entorno no que vivimos sendo bebés vai marcar como nos vamos relacionar o resto da vida nunha porcentaxe elevadísima de casos, o que non quere dicir que non se poida ser axudado desde fóra e reconstruír.

Hai persoas malas, sen máis?
Si. Cando se fala entre psicólogos todo é atopar patoloxías, pero claro que existe a maldade. Temos que ser conscientes diso e de que nos construímos a nós mesmos con miles de decisións ao día. E momentos coma este, de tanta violencia, deberían axudarnos a reflexionar sobre o que queremos ser. Claro que hai un momento para o enfado, para o rexeitamento, pero todo iso non pode quedar aí, hai que usalo construtivamente no noso propio entorno familiar para coñecer como se desenvolve e evitar que pasen certas cousas.

"O adulto que abusa dun menor é moi manipulador e moi consciente do que fai"

Como puido pasar desapercibido tanto tempo o caso de Baleira?
Nós traballamos desde hai uns cantos anos cun programa específico que se dedica a intervir con nenos e nenas víctimas de abuso no que, desgraciadamente, participa unha importante cantidade de persoas ao ano. Vemos casos de todo tipo, todos eles dramáticos, pero é verdade que moitas veces a perversión deste tipo de actos fai que a persoa que os estea cometendo sexa moi manipuladora e encubridora, ademais de moi consciente do que está a facer. E como esta violencia é tan morbosa, a poboación sente unha repulsa tan grande que se bloquea un pouco. Non se trata de culpar, pero si entender a responsabilidade e por que hai cousas que tardan en verse. Este é un mecanismo de defensa propio do ser humano.

Non querer crer.
Efectivamente, por iso é importante actuar humanamente. Se somos conscientes de que este tipo de situacións existen tamén empezaremos a cultivar a nosa propia sensibilidade para saber mirar e saber que a responsabilidade cos nenos é de toda a sociedade, Os nenos e nenas non son un asunto só dos pais e nais. En realidade, e dígoo como nai, somos a maneira en que chegan ao mundo, pero non somos propietarios. 

Avanzouse á hora de detectar antes a violencia en menores?
De 25 anos para aquí a protección á infancia variou moitísimo e iso é un bo signo. Se falamos de hai dez anos, posiblemente se detectarían moitos menos casos. Un signo de avance na protección, por contraditorio que pareza, é que se visibilicen máis casos. Ao educar a nosa sensibilidade, aflora o que antes non viamos ou non queriamos ver. Agora hai recursos preparados especificamente para que se poida traballar con nenos e nenas nesta situación e se poidan recuperar e hai moitos máis dispositivos para atender aos distintos tipos de violencia que se producen. A protección avanzou, pero ten que avanzar máis, sobre todo no eido da prevención.

Comentarios