martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Mitoloxía do mundo enteiro

undefined
Ana Santiso, nun dos fotogramas do vídeo que anuncia o xogo. EP
A ilustradora fincada en Becerreá Ana Santiso é parte do equipo de Mithical Beings, un xogo web que colleitou éxitos até en Corea e que agora busca ser de mesa cun plan de micromecenado

As Caaporá son mulleres que teñen o don da invisibilidade. Tamén o de saber recoñecer o respecto pola terra. En base a iso, poden axudar aos cazadores ou todo o contrario, facer que se perdan nos bosques ou que os seus cans ladren espantando os animais. Esta criatura da mitoloxía guaraní é unha das 50 deseñadas pola ilustradora e artista fincada en Becerreá Ana Santiso para o xogo Mythical Beings, que está en campaña de micromecenado na plataforma Kickstarter até o día 10 de novembro.

Esta proposta, na que Ana participa canda un equipo internacional —con o outros dous galegos, un suízo e un italosuízo—, comezou sendo un xogo de cromos dixital, que segue dispoñible na páxina www.mythicalbeings.io. Por unha banda, o éxito desta proposta —que ten seguidores até en Corea—, e pola outra, o gusto tamén pola materialidade das cousas, leváronos a impulsar o xogo de mesa.

A proposta está pensada para dúas persoas, que compiten en base ás características establecidas polo xogo para estes seres mitolóxicos, e que teñen unha gran base nas historias que deles se contan. Santiso leva tres anos traballando neste proxecto para situar a cada ser no seu contexto. Así, aínda que o deseño ten un estilo unitario, son constantes as alusións ás culturas das que naceu cada criatura, e que quixeron con elas explicar os ritmos da natureza ou as derivas dos seres humanos.

Se ben no xogo hai seres coma o famoso home das neves —o ieti— ou o monstro do lago Ness, a meirande parte destes seres mitolóxicos foron imaxinados por culturas hoxe en día minorizadas, ou nomeados en linguas que corren o risco de desaparecer. Entre eles tamén haberá unha criatura galega, unha serea que Ana aínda está perfilando.

Cada figura dará, ademais, algunha información destas culturas ou do número de falantes das súas linguas. "Quixemos, deste xeito, reivindicar a diversidade e as culturas de tradición oral que se están perdendo na peor cara da globalización", indica Ana Santiso. O xogo, que sairá en galego, en español e en inglés —pode imprimirse, previa petición noutras linguas— producirase por completo en Galicia. A mesa está servida, e vai chea de contos.

Vivir e crear dende Os Ancares 
Ana Santiso leva anos afincada en Becerreá, vivindo e creando dende Os Ancares, e tamén para eles. Agora mesmo está rematando uns mapas para a asociación Ser, de Navia de Suarna, que servirán para que colexios da zona fagan rutas no territorio. 

Clases en Becerreá 
A artista tamén comezou neste curso a dar aulas de debuxo no centro social de Becerreá e está previsto que, coas súas alumnas, realicen un mural, unha das especialidades de Santiso, que dá á súa obra unha dimensión colectiva e comunitaria. 

Pintura 
De feito, os murais de Santiso están espallados por todo o país. O último vén de rematalo na queixaría Bértolos e Serranos, en Friol. 

O seu traballo como ilustradora tamén é constante e agora está rematando unha obra que sairá á luz da man da editorial Galaxia.

Mitoloxía do mundo enteiro
Comentarios