viernes. 05.03.2021 |
El tiempo
viernes. 05.03.2021
El tiempo

O núcleo cervantego de Deva recoñece o labor dos veciños no mantemento da paisaxe

deva
Cancela restaurada de Deva
Colocan peches de madeira nas fincas coa axuda da Asociación Galega de Custodia do Territorio para visibilizar o traballo da poboación e a falta de axuda das administracións

O visible e o invisible das cousas non sempre corresponde coa súa verdadeira importancia. Cantas veces, por exemplo, se fala do feísmo, pero non se recoñece que a paisaxe que admiramos depende deses centos de mans envorcadas, estación tras estación, en sacar o gando ou segar o prado. Ou cantas veces se critica ese feísmo, pero non a falta de recursos, de axudas e de relevo xeracional que obrigaron aos veciños dos Ancares a cubrir as pallozas con chapa metálica para que a súa estrutura non se perda, no mellor dos casos, e á espera de tempos mellores,

Na aldea cervantega de Deva, esa que mira ao alto de Penarrubia dende a parroquia de Cereixedo, quixeron que mudásemos as lentes coas que miramos este tipo de cuestións. Este inverno, os veciños substituíron os peches feitos con materiais de refugallo das súas fincas por outros de madeira. Fixérono coa axuda do veciño do municipio e enxeñeiro forestal David López Ramos, e de Jens Uwe Bottcher, o alemán que xa hai case trinta anos fundou a ecoaldea La Retuerta, no Bierzo. Tamén coa colaboración da Asociación Galega de Custodia do Territorio a través das axudas da Xunta aos espazos da Rede Natura 2000 e do proxecto Reservas Vivas da Fundación Biodiversidade.

UNHA PERSOA, UN MUNDO. "Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes", dicía Uxío Novoneyra ante ese mundo rural que ás veces tiña nunha soa persoa o único apoio do posible. David López e Óscar Rivas, veterinario e presidente estatal da rede de Custodia do Territorio, falan dun xeito semellante dos veciños de Deva. "Son os que conservan viva a paisaxe de manexo humano", di Óscar, nese lugar que é "o corazón biolóxico dos Ancares". "A cantidade de prados que manteñen tan poucos veciños é impresionante", comenta David. Prados segados a man, nun lugar de pendentes impermeables á mecanización.

Terman dos nomes, si. E terman duns dos hábitats máis biodiversos de Europa, eses prados de sega e gandaría extensiva nos que, a maior diversidade vexetal, máis insectos, máis paxaros, máis pequenos mamíferos, máis réptiles; un hábitat herbáceo que, sen axuda, pode verse condenado á extinción.

"Non se pode individualizar en cinco ou seis persoas a conservación, que se ten que asumir dende as institucións", di David. "Non poden certos elementos de valor cultural e paisaxístico depender de que se xubilen unha ou tres persoas", di Óscar. Por iso, para os dous, é esencial envorcarse cos veciños e veciñas de Deva.

O xesto de mudar as cancelas de refugallo por outras de freixo e castiñeiro dos bosques e soutos da zona tivo un impacto paisaxístico claro, pero tamén, segundo contan, outro impacto invisible inda máis importante, o do factor social da conservación, de achegarse ás persoas destes lugares arredados que custodian un tesouro ambiental e cuxo traballo non se valora o suficiente ou queda fóra das axudas públicas.

Que depende e non depende dos veciños? Ata onde debe chegar a administración? Son preguntas que queren lanzar canda esta iniciativa. Onde só queda alguén para aguantar do territorio, xestos coma este, axudas coma esta, son, sobre todo, unha demanda para que sexan máis as mans que se sumen a unha tarefa cada día máis urxente.

O núcleo cervantego de Deva recoñece o labor dos veciños no...
Comentarios