A menciña das herbas dos Ancares

O CDR de San Román impulsou un proxecto para compilar nomes e usos que en Cervantes se daban a determinadas flores e plantas

María de Pepalonso falou da papeira. Alba de Procís, da xanzá. A tía Dulcina da Casa Nova de Piornedo, da árnica. Heidi de Cancillós e Elba de Ardevila falaron dos tarrelos. Estas foron só algunhas das ducias de veciñas que participaron no proxecto de recuperación dos nomes e dos usos medicinais de flores e plantas de Cervantes, que puxo en marcha este ano Lola López, veciña de Piornedo e responsable das actividades de animación da infancia do Centro para o Desenvolvemento Rural de Ancares (CDR Ancares).

Polo momento, foron un total de 50 as especies compiladas a través de mensaxes de WhatsApp. Por unha banda, as persoas contribuíron con fotografías (algunha delas aquí reproducida), e pola outra, coa descrición elaborada grazas ás conversas de nenos e nenas con pais, nais, avós, tías, curmáns. Con todas elas, a entidade publicará un caderniño o ano que vén.

Conta Lola que, ás veces, o nome cambia no mesmo municipio, coma ocorre coa consolda, que en Cereixedo recibe o nome de consoldina. Calquera dos dous alude á súa propiedade de soldar, e se en Piornedo utilízase o bulbo sobre as zonas que sufriron algún golpe, en Cereixedo tamén "solda" as feridas.

Os tarrelos, en Cervantes, tamén se chaman carrelas ou charrelas. O líquido branco que soltan cando se cortan usábase para eliminar as verrugas. Unha veciña de Donís tamén lle contou a Lola que antes, para que unha cocha tivera leite abundante despois de parir, dábaselle de comer esta planta.

Nunha das rutas da iniciativa Piornedo Anda, na que Lola colabora, unha das participantes contou que o seu avó utilizaba a papeira -drósera ou orballiña noutros lugares de Galicia- para curar arrefriados. Para iso, secábaa e mesturábaa con ourego tamén seco, e con mel. "A persoa enferma tiña que tomar unha culler desta pasta tres veces ao día", conta. "Agora hai moitos xaropes con ela", engade.

Aínda que moitos dos usos tradicionais destas plantas estanse perdendo, en Piornedo é normal curar as feridas en contacto cos peliños que ten a lingua de ovella, a chantaxe lanceolada. Tamén co mesmo fin utilizábanse os fungós, tamén coñecidos como peidos de lobo. "As esporas, que se poñían como talco, teñen moito antibiótico para as feridas", conta Lola.

As plantas tamén tiñan usos máis estéticos, como a flor do sabugueiro, bantieiro en Cervantes e boito en Donís. Con ela, unha veciña facía un champú específico para a caspa.

Talvez dúas das maiores xoias da flora na zona son a xanzá e a árnica. Da primeira utilizábase a raíz para problemas de tensión. "Cocíase, e bebíase cada día un chupito da auga que quedaba, moi amarga", conta Lola. Hoxe no catálogo galego de especies ameazadas, foi unha planta que os veciños vendían para completar a economía da casa.

A árnica, unha especie moi valorada por ser antiinflamatoria, analxésica ou antiséptica, entre moitas outras propiedades, conservábase en augardente ou cocíase para botar na zona afectada.

Lola López consérvaa agora en aceite, e tamén recolle sempre milfollas para as dores menstruais, que mestura con menta, ou macela no minguante de agosto. O caso é seguir falando coas flores.

PAPEIRA Carnívora

O nome en Cervantes desta planta, papeira (Drosera rotundifolia), ten seguramente relación co feito de ser unha carnívora que atrae os insectos co seu líquido cheo de azucre.


CONSOLDA Para soldar

Inda que noutros lugares a consolda refírese a outra especie, en Cervantes chámaselle así ao Lilium martagon, coñecida tamén como lirio chorón. Úsase para soldar o que rompeu cun golpe.


TARRELOS Adeus ás verrugas

Ademais de eliminar as verrugas, os tarrelos (Taraxacum officinale) usábanse tamén infusionados para curar as dores de estómago. Son recoñecidos polas súas propiedades diuréticas.


ÁRNICA Para todo

Na aldea de Moreira, metían todas as partes da árnica (Árnica montana) en augardente. Tamén se secaba para cocer durante todo ano e lavar os golpes. É unha grande antiinflamatoria.


XANZÁ A xoia da Montaña

A esquiva xanzá (Gentiana lutea) só crece a partir dos 1.300 metros. Ademais de medicinal, contén algúns dos compoñentes amargos máis coñecidos, polo que é usada en bebidas.


PERICÓN Curar as feridas

Para curar feridas tamén se usaba estrelamar e follas de nogueira con herba de San Xoán (Hypericum perforatum), pericón na zona, máis cercano do orixinario grego Hyperikon.

Comentarios