A memoria do cego resoa na Fontaneira

O nicho onde repousa Florencio dos Vilares, un dos últimos cantores de Galicia, quedou identificado cunha placa conmemorativa ► A música e as lembranzas protagonizaron un acto que serviu para "reparar" e "dignificar" a pegada deste veciño que naceu fai 109 anos
Os nenos foron partícipes do acto no que interviron autoridades e coñecidos do Cego da Fontaneira. XESÚS PONTE
photo_camera Os nenos foron partícipes do acto no que interviron autoridades e coñecidos do Cego da Fontaneira. XESÚS PONTE

Florencio López Fernández non naceu cantor, pero fíxose grazas a outro cego, coma el, que lle ensinou a arte do violín, dos romances e das cantigas. Veu ao mundo en Pin, na Fonsagrada, un 12 de abril de 1914 e, polo 109 aniversario, as lembranzas dos que o coñeceron volveron aflorar, como tamén o fixo a admiración dos que saben del pola boca dos outros.

O mércores tivo a compaña dos que non perderon a ocasión de homenaxealo nun acto pensado para "reparar" e "dignificar". No cemiterio da Fontaneira, onde repousan os seus restos desde 1986, por fin hai unha placa que identifica o nicho de Florencio, o que traspasou as foliadas de Baleira e da Fonsagrada coa súa música, sempre chea de sabedoría e retranca.

A iniciativa partiu da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e contou coa colaboración do colectivo Egeria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Concello de Baleira e El Progreso. Foi precisamente o director do xornal, Alfonso Riveiro, quen abriu as intervencións que desempoaron as historias do Cego dos Vilares.

                      Os nenos foron partícipes do acto no que interviron autoridades e coñecidos do Cego da Fontaneira.
Ademais da nova insignia na tumba de Florencio López, onte tamén se instalou unha placa na entrada do cemiterio da Fontaneira para honrar a "todos os que xacen aquí". XESÚS PONTE

Alfonso lembrou a Florencio, "o señor Florencio", e como lle facía de guía cando o músico ía á casa dos padriños de Riveiro, daquela un neno, para atender chamadas: "Eu saíalle ao encontro ao chegar á estrada; non tiña tanto tráfico pero era perigosa e, pese a que se orientaba ben, tiñamos medo de que fose atropelado", narrou o baleirés sobre un proceso que facía á volta, ata a casa do Cribeiro, onde Florencio lle dicía: "Fonsiño, vólvete, que isto xa o coñezo".

Tamén recordou unha das poucas mostras de mal humor que deixou, cando un chofer de autobús arrancou sen que Florencio chegase a sentar. Aí sentenciou: "A este condutor sentáballe tan ben a albarda como o volante".

                      Os nenos foron partícipes do acto no que interviron autoridades e coñecidos do Cego da Fontaneira.
O grupo baleirés Toxo Queimado puxo a nota musical coa Marcha solemne do Antigo Reino de Galicia, o romance A miña burriña, A muiñeira do Chao e o himno galego. XESÚS PONTE

As súas anécdotas tamén as reviviu Julio Fernández Pin, tamén da Fontaneira, que acompañou o cego por bailes e festas e que relatou como "unha noite, vindo da Lastra, colleu un toxo e encendeuno para espantar os lobos que lle saíran ao camiño". Levaba sempre lume enriba, recorda Julio, porque era fumador, pero o que máis lle prestaba era contar contos, "entreternos, tocar o violín e estar rodeado de nenos".

Aos alumnos do colexio do Cádavo que se achegaron o mércores ao cemiterio tamén se dirixiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen lles encargou o labor de facer pervivir a pegada do Cego dos Vilares, "unha referencia en Galicia enteira que representa a todos os que gardaron a nosa memoria oral e a espallaron". O presidente do colectivo organizador, Xosé González Martínez, reivindicou o galego en lápidas e esquelas e deixou outra encomenda: que un QR achegue a vida e voz de Florencio. Ese encargo recolleuno o alcalde, Ángel Martínez Puga. "Falando coa xente de Baleira comprendín que era moi querido, alguén singular", dixo dun home que non naceu cantor pero que se fixo para, como expresou Xulio Xiz, "ser o transmisor oral da nosa cultura e lingua".

Rosiña do Estanqueiro 

Mero Iglesias e Miro Casabella foron os encargados de revivir unha das interpretacións de Florencio dos Vilares, entoando o canto de cego Parrafeo de Rosiña do Estanqueiro.

Comentarios