martes. 27.07.2021 |
El tiempo
martes. 27.07.2021
El tiempo

A memoria da guerrilla antifranquista

Santiago Macías. EP
Santiago Macías. EP
Santiago Macías, escritor e fundador da ARMH, presenta este domingo en Becerreá o libro ‘El monte o la muerte’, onde fai un repaso á resistencia armada ao fascismo, tamén na provincia de Lugo

Non cumprira 30 anos Santiago Macías (Ponferrada, 1972) cando fundou, xunto a Emilio Silva, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) movidos pola primeira exhumación realizada con metodoloxía científica en Priaranza del Bierzo. Dende aquel inicio, non parou de investigar e escribir para que se saiba o que pasou durante e despois da Guerra Civil.

Como froito desa teima presenta este domingo ás 19.00 horas na casa da cultura de Becerreá o seu libro El monte o la muerte. Manuel Girón y la primera guerrilla antifranquista de la posguerra, nun acto organizado pola asociación Rente ao Couce. A obra mantén o título co que saíu do prelo no ano 2005, pero trátase dunha edición moi ampliada, na que comezou a traballar xa logo daquela primeira entrega nese "arquivo da represión" que é o Arquivo Militar de Ferrol. "Recibín nese momento un encargo do Goberno vasco para investigar alí, e aproveiteino para completar a investigación con milleiros de documentos".

A edición actual inclúe tamén un prólogo de Julio Llamazares e outro de Joseph Girón-Bazán, sobriño do guerrilleiro que é figura central no libro, Manuel Girón, un dos fundadores da Federación de Guerrillas León-Galicia. "É un personaxe que podería ser lendario, pero é real. A Garda Civil estaba tan obsesionada con darlle morte que chegaron a declarala en tres ocasións, el mesmo chegou a ler a nova nun xornal", indica. Joseph coñeceu a súa historia do seu tío a través daquela primeira edición, xa con 50 anos, e a partir dela, a do seu pai, José Girón, que marchou co seu irmán ao monte e que, despois de pasar a Francia, foi un dos milleiros de republicanos enviados aos campos de exterminio nazis tras o pacto entre Franco y Pétain.

OS MAQUIS NA PROVINCIA. Ese territorio de León e Galicia era común para a guerrilla. Na provincia de Lugo situábase sobre todo nas serras orientais. De feito, Macías participou no 2010 en Lugo na exhumación de tres guerrilleiros de León sorprendidos e asasinados en Vilavella (Triacastela).

Guerrilleiros asasinados en Vilavella. ARQUIVOS MACÍAS

"A clandestinidade era a única fronteira. A guerrilla situábase dende os montes de Ponferrada até os de Lugo, e tamén tiveron fortes apoios no norte de Portugal. Por outro lado, dende finais da guerra os seus integrantes sabían que non podían estar preto das súas aldeas, porque poñían en perigo a familia. A Garda Civil non tiña reparo en acabar fisicamente cos seus apoios".

"Na provincia vivíronse feitos dramáticos para o final da guerrilla", indica Macías. No libro fala de dous episodios, un en Repil, en Monforte, onde en 1949 se produciu unha confidencia e a Garda Civil asasinou a catro guerrilleiros e a dous enlaces que os axudaban, ademais de exercer unha forte represión con moitos veciños. "Unha semanas antes, en Teilán (Bóveda), un infiltrado acabou con outras tres persoas", comenta. "Por outra banda, en Belesar mataron a José Castro Veiga, oriúndo do Corgo e o último guerrilleiro en ser abatido en España, xa no ano 65", engade.

REPARACIÓN. El monte o la muerte é un proceso de recuperación e de reparación. Son 825 os nomes citados nel, nun índice onomástico que facilita a búsqueda a aquelas persoas que seguen tras do rastro da súa familia. A reparación esténdese á mesma guerrilla. "Foi a primeira organización armada da posguerra; editaban un xornal e tiñan estatutos e un código disciplinario de obrigado cumprimento —un guerrilleiro foi condenado por abusar dunha muller—. Considerábanse a vangarda do exército aliado en España, e pensaban que cando rematase a Guerra Mundial este entraría para acabar con Franco. Nada que ver con esa visión de bandoleiros coa que ás veces son tratados, por non falar de poñelos, ás veces, ao mesmo nivel que os fascistas. A ninguén se lle ocorrería igualar aos nazis coa resistencia".

Nomes compilados polas aldeas, casa por casa, moitos deles fóra de calquera rexistro, servíndose dunha memoria gardada nunha xeración na que xa poucos poden falar. Máis de vinte anos depois da fundación da ARMH, Macías considera que "puxemos un problema grave enriba da mesa que non se soubo xestionar; na política primou máis o amiguismo cá pedagoxía". Proba da tarefa pendente coa memoria é, para el, a banalización que se fai da mesma, o auxe da extrema dereita ou "a falta de condena da dereita". "Se non es fascista, tes que ser antifascista ", conclúe.

A memoria da guerrilla antifranquista
Comentarios