A mellor tapa de Baleira elixirase estafin de semana entre cinco propostas

Os establecementos participantes nesta edición son A Marronda, Moeda, Neireo, Punto de Encontro e o Recuncho d'Vane
Imagen de archivo de una tapa JOSE MARÍA ÁLVEZ
photo_camera Imagen de archivo de una tapa JOSE MARÍA ÁLVEZ

O concurso de tapas de Baleira celebrarase esta fin de semana e contará coa participación de cinco establecementos de O Cádavo. Os clientes terán así a posibilidade de poder votar cada unha das propostas e elixir a tapa gañadora da cuarta edición deste certame.

O concurso dará comezo o vindeiro venres día 29 e desenvolverase ao longo do sábado 30 e o domingo 1 de maio. Os establecementos participantes nesta edición son A Marronda, Moeda, Neireo, Punto de Encontro e o Recuncho d'Vane.

Todos eles empezarán a servir as súas propostas culinarias a partir das 19.00 horas e ata ben entrada a noite. Os clientes que queiran participar no certame dispoñerán dunha cartilla que deberá ser selada por cada un dos establecementos nos que realicen a súa consumición, durante algún dos días do concurso.

Para que o voto sexa válido, esta cartilla deberá ter o selo dos cinco participantes e, posteriormente, cada unha delas entrará no sorteo de dúas cestas de produtos da montaña, valorada cada unha en 150 euros.

Este certame, que se recupera tras dous anos de ausencia como consecuencia da crise derivada do covid-19, conta cada ano cunha notable afluencia de clientes, polo que se espera que este ano tamén sexan moitas as persoas que participen no mesmo, xa sexan veciños da localidade, visitantes doutros municipios próximos e, mesmo, algún dos moitos peregrinos que estes días xa empezan a abundar polo Camiño.

O concurso de tapas de Baleira está organizado pola asociación de hostaleiros da localidade, que preside Julio Fernández Pin, e o Concello. Tamén conta coa colaboración da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (Apehl).

Comentarios