Maruja Roca, o eco, a constelación

O festival de fotografía Fotonoviembre, en Santa Cruz de Tenerife, expón por primeira vez a obra da fotógrafa de Becerreá canda a artistas como Anna Turbau, Colita ou Pilar Aymerich
Algunhas das fotografías de Maruja Roca en Fotonoviembre. EP
photo_camera Algunhas das fotografías de Maruja Roca en Fotonoviembre. EP

Hai fotografías que semellarían imposibles hai un tempo. Nesta páxina aparece unha delas. Aurora Roca, de costas, nunha das salas do Tenerife Espacio de las Artes (TEA). O que mira son as fotografías da súa tía de Becerreá, Maruja Roca, que comparte sala con Anna Turbau, Colita ou Pilar Aymerich, algunhas das artistas máis relevantes da historia da fotografía no Estado na exposición "¿Cuánto dura un eco?", no marco do festival Fotonoviembre.

As fotografías de Maruja Roca tamén semellan imposibles. Iso foi o que chamou a atención de Violeta Janeiro, a comisaria desta mostra, a raíz do libro que hai tres anos reuniu parte do arquivo desta fotógrafa, disperso en moitas das casas de Becerreá, O feitizo de Maruja Roca, editado por aCentral Folque. Se ben a xeración de mulleres coa que comparte sala Maruja ata o 10 de marzo desenvolveron o seu traballo fundamentalmente a partir dos anos 60 e 70 -un traballo "co que nos aprenderon a liberdade", como di Janeiro, tanto pola resistencia á ditadura como ao patriarcado-, as fotografías dela pertencen ao segundo lustro dos 40 e ao primeiro dos 50, cando apenas nada podía ser posible.

Maruja Roca foi fotógrafa en Becerreá nesa década, e o seu estudio, cun caldeiro de zinc furado polo medio como foco e un proxector de diapostivas como ampliadora, o único na vila neses momentos. O xénero, como non, deu ao seu traballo unha cartografía distinta: a da intimidade das mulleres, retratadas no espazo de liberdade que abría a propia cámara e alentaba tamén o cine ao que era asidua á volta da casa; a do espazo doméstico, coa mirada fotográfica posta nos fillos, que a une a outras fotógrafas como Julia Margaret Cameron ou Sally Man; a de todo aquilo que chamou á porta da súa casa: o carboeiro, as xitanas que pasaban o verán en Becerreá, os ambulantes, os mendigos. Aínda no veo do franquismo, esas imaxes atenden marxes que quedaban fóra de plano, e que sitúan hoxe a Maruja Roca canda esta constelación de mulleres nas que se dá a man a mirada crítica, social e de xénero; unha constelación que tamén lle dá a Maruja Roca a xustiza dunha xenealoxía, aínda que esta tivese que se escribir no envés do tempo.

                      Algunhas das fotografías de Maruja Roca en Fotonoviembre.
Unha fotografía exposta en Fotonoviembre. ARQUIVO DE JOSÉ ANTORIO MERA

O que mira sorprende, e como mira; esa técnica de Maruja Roca, esa mirada que a Janeiro recorda ás veces a Zurbarán, que tamén semellaba imposible para unha muller que non puido ir á universidade, que ata tivo que deixar o traballo da fotografía por outro que rendese para sacar adiante os fillos, xa viúva. Pero que tivo, si, lugares onde asomar a curiosidade, nese café Roca de Baralla onde medrou, onde ben puido ter parado Ruth Matilda Anderson e Correa Calderón levar novas da Residencia de Estudiantes, antes do golpe de Estado.

Fotografía de Maruja Roca en Fotonoviembre. ARQUIVO FAMILIAR
Fotografía de Maruja Roca en Fotonoviembre. ARQUIVO FAMILIAR

Algunhas destas fotos saíron publicadas neste xornal, hai máis de catro anos. Elas forman parte do álbum de Maruja, dese tesouro que gardou o seu fillo Suso López Roca e que por primeira vez se expón fóra de Becerreá, nun dos festivais de referencia do Estado. Dura o eco de Maruja, a luz da súa estrela, constelada.

Comentarios