Martínez-Puga López: "Espero que a residencia da terceira idade abra nun prazo curto, antes deste verán"

Colleu as rendas do concello no 2013 e desde aquela as prioridades de Ángel Enrique Martínez-Puga foron mellorar o día a día dos baleirenses e promocionar turísticamente a zona ► Nos próximos meses ten previsto poñer en marcha o agardado centro de maiores e impulsar dúas rutas de sendeirismo, que pasarán pola valiosa Cova dos Mouros

Ángel Enrique Martínez-Puga López, alcalde de Baleira. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Ángel Enrique Martínez-Puga López, alcalde de Baleira. VICTORIA RODRÍGUEZ

AÍNDA QUE Ángel Enrique Martínez-Puga recorda a súa entrada no consistorio como "moi dura" por producirse tralo repentino falecemento do anterior rexedor, indica que o apoio de todos os traballadores foi vital para poder encamiñar a súa encomenda. Médico de profesión, sinala que logrou compatiblizar as dúas funcións sen problema e aínda que di que non o ten claro, engade que non descartaría optar á reelección se os veciños e o partido así llo solicitan.

Como valora o seu primeiro mandato como rexedor de Baleira? Cales foron as súas prioridades?
Nestes catro anos tratamos de poñer en valor o concello en todos os eidos, pero sobre todo enfocándoo no plano turístico, impulsando os atractivos naturais do municipio. Tamén nos centramos en mellorar os servizos dos nosos veciños, dentro das posibilidades que tiñamos nos orzamentos, arranxando gran parte das traídas de auga, mellorando a iluminación ou asfaltando camiños e accesos. Ademais fomentamos a cultura con programas para todas as idades, botouse a andar a feira do mel e creouse unha asociación de hostaleiros.

Que melloras se levaron a cabo no eido dos servizos sociais?
Os servizos sociais foron outra das nosas prioridades porque coa porcentaxe de xente maior que temos no municipio son unha prestación fundamental. Así, desde o ano 2014 incrementamos o número de horas de dependencia de 800 ás 2.000 actuais e o número de usuarios triplicouse, pasando de 22 a 64. No servizo de axuda a domicilio tamén se duplicou o número de traballadoras.

A substitución dun alcalde que levaba 35 anos no cargo supuxo unha presión engadida?
Por suposto. En primeiro lugar porque eu non tiña experiencia como rexedor e, por outro, porque foi un transpaso brusco, dun día para outro. Francisco Acal era unha persoa que tiña a experiencia dunha vida dedicado ao concello e fíxoseme moi duro o cambio. Sen embargo, con esforzo e co apoio dos traballadores do Concello e dos compañeiros de corporación conseguimos tomar as rendas.

En que proxectos traballa actualmente?
Desde o Concello intentamos mellorar a asistencia aos nosos maiores cada día e tamén dar a coñecer o municipio. Neste senso, estamos ultimando a posta en marcha de dúas rutas de sendeirismo de dez quilómetros cada unha, que temos previsto poñer en marcha antes do outono. Serán cíclicas e conectarán entre sí. Unha delas partirá da Fontaneira e pasará por diante da Cova dos Mouros ata os muíños de Penas. A outra, chamada As Loras, sairá do Cádavo e chegará tamén ata os muíños. Para completar a oferta turísitca temos previsto deseñar unha web. E outro dos grandes proxectos que teño pendentes é abrir o agardado centro de maiores.

A residencia actualmente atópase en fase de adxudicación. Que plazos manexa para que poida abrir finalmente?
Espero que poida abrir nun prazo curto, non máis de tres meses. O límite para adxudicala remataba a finais de febreiro, pero como se presentaron moitas empresas dilatouse no tempo. Agora mesmo xa estamos estudando o convenio e, en todo caso, agardo que antes deste mesmo verán poidamos abrir as portas.

O descubrimento das pinturas rupestres na Cova dos Mouros pode dar máis pulo ao concello?
Por suposto. Antes de que saísen á luz xa tiñamos pensado deseñar a ruta de sendeirismo por esa zona e agora con este valor engadido agardamos que se anime moita máis xente a visitarnos.
 

Cando remate o mandato quedaralle algo por facer?
Por moito que se traballe sempre queda algo pendente e moito por facer. Sería preciso levar o servizo de alcantarillado a todas as parroquias, mellorar as comunicacións co concello ou impulsar as novas tecnoloxías. Ademais, hai que continuar mellorando as condicións de vida da xente no seu día a día e manter todos os servizos.

Ten previsto optar á reeleción?
É un tema que de momento non pensei porque aínda queda un ano. Dependerá dos meus compañeiros, do partido e sobre todo do que os veciños me transmitan. A día de hoxe non o teño decidido, non obstante, non o descarto.


MOI PERSOAL
"No tempo libre gústame estar coa familia e pasear cos cans"

Exerce como médico desde hai máis de 30 anos. Escolleu a profesión por vocación ou por paixón?
Pois foi un pouco das dúas cousas. É unha profesión que vivín desde que era un cativo, xa que son fillo e neto de médicos. Foi algo que vin sempre na casa e tiroume moito, por iso me decidín a estudala. Hai tres décadas que exerzo e é algo que me encanta.

Cales son as súas afeccións?
Coa miña profesión e o traballo como rexedor non me queda moito tempo libre, pero sempre que teño un oco aproveito para estar coa familia. Encántame pasar tempo con eles e saír pasear cos meus dous cans: Tom e Lex. Tamén desfruto moito estando ao aire libre e cos deportes. Outra das miñas paixóns é viaxar.

Cal foi a última viaxe que fixo?
A última viaxe que fixen foi a Sevilla. Xa estivera hai tempo, pero repetín porque me gusta bastante esa cidade.

Que recuncho do concello de Baleira é o seu favorito?
Gústame moito a paisaxe que se ve desde o alto da parroquia de Vilagarcía de Córneas cara o val do Neira. É unha vista espectacular que sempre me encantou. Outro dos meus lugares favoritos do concello é, como non podería ser doutro xeito, a nosa fermosa fraga da Marronda.

Se tivera que valorar a súa actuación como rexedor, que puntuación se daría?
Penso que iso é algo que debe determinar a xente. Eu fixen todo o que puiden para dar a coñecer o noso concello e intentar mellorar a calidade de vida dos veciños.

Curiosidades
A Marronda, un entorno natural inigualable

Con máis de 600 hectáreas de terreo, a fraga da Marronda converteuse desde hai tempo nun dos principais atractivos de Baleira, un concello cun gran potencial para o turismo rural e de natureza. O entorno conta con máis de 170 especies de árbores e arbustos e polo seu valor forma parte da Rede Natura 2000.

Todo o concello pertence ademais á reserva da biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, o que lle dá un valor engadido á súa riqueza paisaxística. Ademais, o paso do Camiño Primitivo atrae cada vez máis visitantes.

Poboación
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (Ige), no ano 2017 o municipio de Baleira contaba con 1.296 habitantes, dos cales 684 eran mulleres e 612 homes. Cabe destacar que a poboación do concello é marcadamente envellecida, pois segundo o padrón do Ige o pasado ano máis de 500 veciños superaban os 65 anos, o que supón preto do 40% da cifra total de baleirenses.

Comentarios