De marquesiña a centro social en Nullán

Os veciños desta aldea das Nogais crearon un centro social ao pé da estrada neste mobiliario urbano que se atopaba en desuso
Un grupo de veciños de Nullán, o pasado domingo. VERÓNICA MARCOS
photo_camera Un grupo de veciños de Nullán, o pasado domingo. VERÓNICA MARCOS

A celebración do Santo Antonio na aldea de Nullán, nas Nogais, deixou unha curiosa estampa. Varios veciños e veciñas, cunha merenda despregada baixo dunha marquesiña.

"Como non hai nenos, a xuventude de Nullán dálle outro uso á cabina... Centro de tertulia con café e merenda", escribía Verónica Marcos, presidenta de Fademur, nas redes sociais. De feito, foi ela, oriúnda deste lugar, a encargada de facer a fotografía na que saen os seus pais, Manuel Marcos e Mari Carmen Arrojo, e os veciños Luis Injerto, Isabel López, Adamo Souto, Carmen Álvarez, Eloína Pombo, Consuelo Gómez e Inés Méndez.

Despois deste ano e medio tan duro, e logo de vacinarse, os veciños de Nullán decidiron que o seu sería recuperar o ritmo das súas reunións. Que mellor lugar ca unha marquesiña aireada e ao pé da estrada, onde enterarse de todo o que entra e sae da aldea? E iso todo sen comprometer a seguridade, nun lugar ben aireado.

Palés, sillas e mesas serviron para adecentar este lugar no que a pasada fin de semana celebraron o Santo Antonio

Foi así como estes veciños de Nullán, hai un mes, levaron palés para adecentar o que será o seu novo centro social. Tamén mesas, sillas e cadeiras. Todo estaba listo para a pasada fin de semana celebrar as festas do Santo Antonio na aldea. Se este ano tampouco houbo os tradicionais festexos, os veciños non renunciaron a reunirse e compartir unha merenda. Cervexa, leite, café, biscoito ou flan; para todos os gustos.

Despois deste tempo de pandemia, a vontade de reunión volveu a Nullán. E os seus habitantes demostraron ser ben creativos para darlle xeito. Que non se usa a marquesiña? Pois convertémola nun centro social. "Fainos unha foto, Verónica, que mira que ben estamos", dixéronlle á presidenta de Fademur. E tiñan razón. A imaxe queda como unha vitoria, coma unha celebración, coma unha alegría. Semella que nin Santo Antonio querería un altar mellor ca este.

Comentarios