"É bo recuperar a independencia e defender o interese xeral fronte aos grandes partidos"

O rexedor de Becerreá, Manuel Martínez, encarará o final do mandato fóra do PSOE, logo de ser expulsado tras décadas de militancia. Di que a folla de ruta municipal non cambiará e que non periga o seu proxecto estrela, a apertura dunha residencia. Proponse impulsar unha lista independente a nivel provincial e non tería inconveniente en liderala.

Manuel Martínez, xunto aos terreos reservado para a residencia. XESÚS PONTE
photo_camera Manuel Martínez, xunto aos terreos reservado para a residencia. XESÚS PONTE

O TSUNAMI político na Deputación, que provocou a expulsión de Manuel Martínez do executivo, alcanzou Becerreá, xa que o goberno local, do PSOE, acabará o mandato no grupo de non adscritos.

Afectaron esas leas na Deputación ao seu traballo como alcalde?
Non, porque teño sete concelleiros máis. As tarefas están repartidas e coordínaas o tenente de alcalde. Por iso non tiven problema para compaxinar Concello, dedicacións na Deputación e agora Suplusa.

O proxecto estrela do Concello é a construción dunha residencia, con fondos da Deputación. Teme que o goberno provincial o paralice?
Espero que non, eu non utilizo un cargo público para represaliar a ninguén, e as represalias poderían ser recíprocas... Houbo cartos para a residencia nos orzamentos de 2017 e 2018, e o ano que vén non vai haber problemas, porque eu e o PP, que apoiou o proxecto, teremos poder de decisión.

Como está esa actuación?
Houbo problemas coa empresa, que ten dificultades, e pedímoslle á Deputación que rescindise o contrato. Volverase sacar e espero que os técnicos da Deputación non se presten ao xogo político. Sería unha deriva perigosa para todos. Cando será unha realidade? Cunha empresa solvente a residencia debería estar en 2020 ou 2021. Nas que estamos construíndo con Suplusa en Navia e Meira cumprimos prazos. Logo de esperar 30 anos por ela, o caso é que a obra se faga con calidade e remate ben, un ano arriba ou abaixo.

Non volvo ao PSOE aínda que me dean o que queira. Quen cambiou as regras do xogo en Suplusa sen avisar foi o presidente da Deputación

Que outras actuacións resaltaría?
Os meus mandatos son de continuidade. Cando chegamos en 2007 había un millón de euros de débeda e hoxe as necesidades básicas, como accesos e traídas, case están solventadas. Só quedan por resolver problemas con Fomento na N-VI e coa Xunta, na estrada a Sarria, que está terceiromundista, chea de fochancas.

Cales son as prioridades neste ano que queda ata as eleccións?
O aglomerado en quente das pistas que faltan e axudar os veciños con problemas de auga. Co inverno que veu superáronse en parte, pero queremos evitalos no futuro. Tamén melloraremos parques infantís e algunha escola rural.

O paso ao grupo de non adscritos vai dificultar a xestión municipal?
Imos ter sete concelleiros de once, porque o PSOE quedará só con un, así que non imos ter problemas para seguir a nosa folla de ruta.

Teme quedar illado, sen apoios doutras administracións?
Non. A Deputación pode discriminarnos no reparto de remanentes, como ao PP, pero moitos programas son xerais, como o plan único. E salvo o problema da estrada a Sarria, a Xunta está cumprindo.

É firme a decisión de optar á reelección como independente?
Está tomada, non volvo ao PSOE aínda que me dean o que queira. Quen cambiou as regras do xogo en Suplusa sen avisar foi o presidente da Deputación, son libre para facer calquera cousa.

Á marxe da residencia, que sería a guinda da xestión destes anos, a ver se abrimos un campo de tiro e seguiremos cos servizos básicos

Conta con ter enfronte en Becerreá unha candidatura do PSOE?
Supoño que si, os grandes partidos buscan telas en todos os lados e creo que é bo que o PSOE a teña en Becerreá. Non sei que lista fará, pero non me preocupa. O núcleo duro da miña van conformalo os actuais compañeiros e tamén irá xente nova, porque xa teño unha idade e hai que pensar nun momento determinado en marchar.

Algún proxecto en mente se repite como alcalde?
Á marxe da residencia, que sería a guinda da xestión destes anos, a ver se abrimos un campo de tiro e seguiremos cos servizos básicos. E se podemos chegar a unhas piscinas climatizadas, chegaremos.

Apoia a creación dunha lista independente provincial...
A Deputación non se pode deixar en mans dos grandes partidos, ten que haber alguén que apoie os intereses xerais, porque as forzas con moitos alcaldes varren para eles. Estiven nesa política moito tempo pero iso acabou, ao final do meu percorrido político é bo recuperar a independencia que sempre tiven "entre comiñas". Porque non transcendeu, pero sempre houbo diversos criterios, co anterior presidente provincial e co actual.

Se esa plataforma frutifica e logra representación, aspira a repetir como deputado provincial?
Non tería inconveniente, coñezo ben a casa, pero no que penso agora é só en impulsar esa lista.


Moi persoal

"Collo a desbrozadora para desconectar, é o meu ximnasio"

Como encaixou a nivel persoal a súa expulsión do PSOE despois de máis de 40 anos de militancia?
Doe, doe moito. Por iso pasei a primera vez dous anos con escritos e recursos, pero agora xa non quero saber nada deles. Xa dixen varias veces que me sinto socialista e ese sentimento non mo van quitar eles, que non o son porque miran por intereses particulares.

Que lle diría aos cidadáns despois das leas do último pleno provincial, do que foi desaloxado?
Pediríalles desculpas, pero non me arrepinto do que pasou. Botáronme só por pedir que se cumprise a legalidade, e o goberno provincial non o fixo.

Esas disputas na Deputación obrigárono a volver uns meses ás aulas tras 14 anos sen exercer de mestre. Como foi a experiencia?
A entrada foi difícil, porque tiven que poñerme ao día en moitas cousas, pero foi gratificante, estiven moi a gusto. Agora non volvín porque faltaba mes e medio de curso e fastidiraría o meu substituto e os pequenos.

É máis complicado tratar co alumnado ou cos deputados?
Cos deputados, porque hai máis maldade, máis dobrez. O problema da Deputación é ese: a mentira e a falta de palabra. Algún neno trata de enganarte, pero velo vir.

Que lle gusta facer para evadirse de todas esas leas?
Gústame a caza, sobre todo a de perdiz, porque me permite andar e desconectar. E nesta época collo a desbrozadora dúas ou tres veces á semana para limpar as parcelas da muller. Sérveme para suar, é o meu ximnasio (ri).

Curiosidades
Por debaixo dos 3.000 veciños


Pese a ser cabeceira comarcal, polo que na capital municipal se centralizan varios servizos dos Ancares, Becerreá non logrou eludir o fenómeno da sangría demográfica. Segundo o Instituto Galego de Estatística (Ige), no 2015 o concello baixou por primera vez do listón dos 3.000 veciños e esa barreira cada vez queda máis lonxe, xa que no último censo, de 2017, había 2.856. Mil deles, o 35%, teñen 65 ou máis anos. Ese envellecemento, que se dá tamén no resto da comarca, fixo que o goberno local apostase por construír unha residencia. Martínez cre que axudará, ademais, a xerar emprego e asentar poboación. O Ige cifra en 153 o número de persoas desempregadas en Becerreá o pasado ano, 95 delas no sector servizos.

Patrimonio
Entre os grandes atractivos do concello están o mosteiro de Penamaior, un conxunto erixido no século XII e cuxa igrexa foi declarada BIC, e a ponte de Cruzul, construída no século XVIII no Camiño Real, que agarda dende hai unha década por esa mesma catalogación.

Comentarios