O maná ten forma de neve no Cebreiro

Centos de visitantes elixiron este lugar para desfrutar da cara lúdica dunhas nevaradas que non se vían en anos. O cheo na hostalería mantívose esta semana e agárdase para a que vén
Varios visitantes no Cebreiro. EP
photo_camera Varios visitantes no Cebreiro. EP

Di José Luis Raposo, o rexedor de Pedrafita do Cebreiro, que na zona adivíñase se o ano vai ser de neves na abundancia dos froitos do carnabudo. Pero por moi roxos que estivesen, ninguén imaxinaba que ía vir con tanta, pois hai tempo que non se recordan tantos días brancos. Despois dun ano tan duro, a neve acumúlase no municipio semana tras semana e, coma se de maná se tratase, enche negocios, prados, mesas de restaurantes e rúas con coches das catro provincias e de León.

Esa afluencia que dende hai anos converxe no Cebreiro para ver a neve motiva, para Raposo, que o Concello redobre as forzas para ter as estradas ben limpas e que o tempo metereolóxico non sexa atranco.

Atender as chamadas telefónicas de todos os que queren achegarse alí é máis complicado. "Estamos absolutamente colapsados", di Diego Núñez Doval, do Hotel Antón, un dos lugares abertos tamén como restaurante. A queixa que parece encerrar a súa declaración é só a de "non poder atender a todo o mundo", porque, en realidade, só ten motivos para festexar. O covid notouse moito nunha aldea que dende o pulo do Camiño de Santiago nos 90 vive da hostalería, e vela agora chea de xente "é coma ver a luz ao final do túnel", di.

Luz que no Cebreiro, xa chegada a noite, era a dos turismos que se xuntaban en ringleira na estrada. "Isto, agora mesmo, parece a Gran Vía de Madrid", indicaba.

A problemática do aparcamento é, inevitablemente, a outra cara da concorrencia de xente, e polo momento de difícil solución. José Luis Raposo, que intentou impulsar un estacionamento ou o ensanche da vía, comenta que dende Patrimonio da Xunta e dende a Dirección General de Tráfico eses proxectos teñen como freo a protección patrimonial, por unha banda, e a imposibilidade de dotar a estrada -a autonómica LU-633- dun carril de aceleración e outro de desaceleración, como esixe Tráfico para poder facer nela outro carril de estacionamento. A idea de que un bus levase os visitantes de Pedrafita ao Cebreiro tampouco fraguou.

Os negocios da zona agradecen a afluencia de persoas despois dun ano moi duro para unha aldea que vive do turismo

De feito, hoxe en día é moita a xente que fica na capital municipal, sen subir ao Cebreiro, ou que fai deste sitio o lugar para comer ou durmir. "Parece un día de feira", indicaba este sábado José Luis Raposo, e para este domingo aínda se espera máis xente.

Dende Supermercado Chao confirmaron a afluencia de visitantes, algo que "se agradece moito, porque vén compensar este ano que foi tan difícil", indicaron.

A neve muda a paisaxe neste municipio entre Os Ancares e O Courel, pero non só pola brancura. Bonecos, trineos que dan velocidade ás leiras, balocos lanzados aquí e alá. "É o noso ouro branco, feito á nosa medida", dicía o sábado José María Núñez, de Venta Celta.

A proximidade da autovía ten moito que ver, pero tamén hai moita xente, cada vez máis, que elixe ese outro lugar favorito da neve nos Ancares, Piornedo.

Os hostaleiros avanzan no Cebreiro un cheo para esta semana. A cota de neve comeza este domingo nos 600 metros e irá en descenso ata os 400, nos que se manterá o luns, polo que tamén se espera na capital lucense. Na xornada do sábado non se rexistraron apenas incidencias, agás catro persoas que quedaron atrancadas entre Vilar de Cucos e A Legua, en Cervantes. "Año de nieves, año de bienes", pero convén extremar as precaucións ao volante.

Comentarios