QUEN PODERÍA imaxinar a serra dos Ancares sen a arquitectura circular das pallozas? Quen podería crer que o conxunto máis grande en Europa deste tipo de construción prerromana se deixase caer? As veciñas de Piornedo, dende logo, non poden. Mentres o mundo semella perder a cabeza, elas loitan por conservar os teitos de colmo que douran o ceo da serra. A mallega que veñen de celebrar é un paso máis nesa resistencia, un exemplo de compromiso veciñal fronte a unhas administracións xordas ante un patrimonio cultural fundamental que se está a deteriorar cada ano.
Lucía, Carmiña, Isolina, Lola, Amelia, Luci e Ernesto conforman a asociación Teitos de Piornedo, que naceu hai catro anos co obxectivo de pór freo a este desleixo, pero que agromou xa no ano 2010, cando a Xunta deixou de convocar as axudas anuais para manter estes teitos. "O mantemento anual dunha palloza pode custar preto de 2.000 euros", comenta Lucía González, presidenta da asociación, importes moi difíciles de asumir sen colaboración das institucións.
Por iso, estas veciñas veñen de celebrar a súa terceira mallega para, con ela, pechar o ciclo do cereal. Ter centeo propio, máis resistente nos searos da montaña có que compraban en Astorga, abarata un pouco os custos. Por iso, en 2020 lanzaron unha campaña de micromecenado para pechar hectárea e media que van rotando. Nela, hai uns días, congregáronse veciños e xente que, comprometida con elas, foi botar unha man.

"Diso si que non temos queixa, da implicación da xente, os veciños sempre están en primeira liña», comenta Lucía. «É algo que valoro moito da zona nosa da Montaña, esa axuda mutua", indica, e conta que na mallega tamén estiveron varios rapaces novos, xa nados en Barcelona, "pero que son moi conscientes do importante que é botar unha man, porque seus pais aínda lles inculcaron o amor por este lugar, e veñen con toda a súa disposición", conta. E moitas das persoas ás que lles pasa o mesmo, que non poden concibir que caian as pallozas de Piornedo, tamén foron axudar. A asociación puxo incluso un posto de venda de fariña do gran que aproveitan do centeo e que moen na zona, para quen quixo, coa súa compra, colaborar coa asociación.
Despois da malla, continuaron con outro día para dar forma aos colmos. Todos quedaron xa feitos, atados co brincallo, xa listos para colocarse sobre cangos e ripias. Co que escolmaron desta volta, teitarán as partes máis deterioradas das pallozas de dous socios. De feito, un deles, Ernesto, o único home da asociación, animarase a facelo el mesmo. A man de obra do teitado ten tamén un custo moi alto, e os teitadores profesionais son poucos e compaxinan este labor coa construción. Por iso, e porque son tarefas que cómpre facer nun momento moi específico, na asociación veñen de celebrar un curso de catro fins de semana, coa idea de preservar tamén este oficio tradicional.
MAPA DAS PALLOZAS. A Asociación Ser, da veciña Vilela, en Navia de Suarna, fixo público hai pouco máis dun mes o mapa que elaborou dos Ancares, que inclúe as pallozas documentadas na serra, diferenciando as que teñen teito de colmo das que o teñen de uralita, precisamente por entender que estas segundas tamén poderían recuperar, nalgún momento, a súa fisionomía. E é que resulta que as pallozas, dende que teñen a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), xa non se poden cubrir con uralita, unha solución que a ninguén gusta, pero a única que permite, a falta de mantemento e de axudas, manter a súa estrutura.
"Hai pallozas en San Román de Cervantes que se construíron hai 30 anos, coma unha recreación, e reciben axudas, que me parece ben, sempre que haxa axudas para as reais", comenta Lucía, mentres en Piornedo a choiva xa cae dentro de moitas. Por iso, contra este mundo que semella perder a cabeza, elas seguen mallando.