A vida ten xeitos ben curiosos de asentir, de axustar a imaxe do noso paso polo mundo. Esta historia é un deles. Manuel de Robleu naceu en Piornedo en 1954, cando nesta aldea de Cervantes eran os teitos de centeo os que botaban fume no ceo máis alto da provincia. "Daquela todos viviamos en pallozas, e estas eran coma arcas de Noé, que compartiamos coas vacas, tenreiros, cabalos, cabras, galiñas e porcos, todos xuntos, animais e nós", conta.
Coma antes fixeran os seus tíos e tantos veciños da zona, aos 20 anos o rostro dese mundo mudou polo de Barcelona. Alí tiña pensado pasar un mes, pero botou 45 anos. A metade, traballou como vixilante de seguridade. "E menos mal que atopei outra cousa, porque se non tería pasado pola vida laboral sen pena nin gloria", di. Esa outra cousa foi a xoiería. Durante 25 anos, Manuel dedicouse a pulir pedras preciosas. A súa foi a última das mans invisibles antes de lucir engarzado un rubí, un lapislázuli, un topacio. Remataba varias ao día e gustáballe pensar que se espallarían polo mundo, e que algo del iría nese rastro. Aínda que el, o que quería, era volver concentrarse nesa xeometría circular da montaña natal.
"Sempre tiven ansia de volver". Non demorou en facelo cando se xubilou, en 2019. E aquí é onde a historia axusta coma un broche. Manuel cambiou as pedras precioas pola madeira, pero a beleza e a dedicación permaneceron intactas. Dende que volveu a Piornedo seguiu deixando as sabas ás seis da mañá, e xa fixo 18 peches tradicionais de parcelas e sete bancos para que a aldea lucise mellor. "Como estiven tanto tempo fóra, tiña unha débeda co meu país", razoa. E tamén cos seus veciños, cos que tamén repartiu mesos e caxatos.
O que custa facer todo isto, cústalle a el. "O que se fai polos outros é sempre pouco. Gastos hai, pero vou podendo custealos", recoñece. A madeira que utiliza é dos propios castiñeiros e carballos, dos mesmos que plantou antes de marchar a Barcelona e que por el agardaron todo este tempo.
Manolo de Robleu ponlle ás súas pezas 50 anos de garantía. Cincuenta anos, alomenos, nos que as veciñas de Piornedo poderán sentar no lado solaino da aldea
Tamén antes de emigrar, Manuel de Robleu fixera oito peches tradicionais, eses a base de sete pezas, as dúas antas verticais e os cinco baldois horizontais. Habíaos de dous tamaños, porteiros, máis pequenos, para o paso de persoas, e carrís, para que entrasen os carros. Agora é o tractor o que define a anchura.
O seu bo facer é ben coñecido na zona, tanto é así que no mes de novembro deu un curso na Casa Quindós, que xestiona a Asociación Ser, impulsada por Oliver Laxe e outros veciños en Vilela. Tamén o escultor e carpinteiro Inazio Abrao, de Becerreá, teno acompañado para aprender do seu traballo.
De onde lle vén a maña? Semella que sempre estivo aí, que aos oito anos xa mudaba a cabeza das ferramentas na casa e que, cando lle propuxeron achegarse ao taller de xoiería só tivo que mirar durante unha hora antes de poñerse mans á obra. "E nunca botei unha peza a perder, sempre fun pulido para esas cousas", conta.
A volta, aínda deixando a súa muller e o seu fillo en Barcelona, foi doada. "Eu son unha persoa de moi bo adaptar, agradecida do que nos dá a vida, que se a tomas con ganas non ten barreiras", di. A aldea está tamén feliz do seu regreso. "Non me poñen as mans debaixo dos pés porque non poden", di, consciente do ben que se levan os veciños de Piornedo. "Levarse mal é unha escravitude... para catro días que estamos neste mundo!", comenta.
Manolo de Robleu ponlle ás súas pezas 50 anos de garantía. Cincuenta anos, alomenos, nos que as veciñas de Piornedo poderán sentar no lado solaino da aldea. Do lado precioso da vida, esa xoia tan ben pulida.
Para el, a maior satisfacción é ver unha obra rematada, coma o último banco que fixo para as tardes do inverno en Piornedo. Pero dúralle pouco, e ao pouco sempre lle ferve unha nova cousa.

Deste mestre da madeira, e da vida, desfrutaron os asistentes do curso que impartiu durante tres días na Casa Quindós en novembro.
