Made in Nullán, pero a man

Muebles Freixo fincou as súas raíces na súa terra natal coma se dunha árbore se tratase. Os integrantes da empresa fabrican mobles dende unha aldea das Nogais que chegan a medio mundo e aos lugares máis emblemáticos da provincia

José Luis Marcos Carballo e Alfonso Souto, na sede de Muebles Freixo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera 2019061714083948500

"Eu nacín nisto", comenta Alfonso Souto, un dos dous socios de Muebles Freixo. E cando di "nisto", non só se refire ao oficio de carpinteiro, que herdou do seu pai, senón a que a súa casa natal está a poucos metros da nave que muda a paisaxe agraria do núcleo de Nullán, en As Nogais, onde fabrica mobles que chegan ao outro canto do mundo, ou que, máis preto, están presentes nalgúns dos lugares máis emblemáticos da provincia.

Algúns deles gardan os tesouros do renovado museo catedralicio de Lugo. Outros serven de asento aos viaxeiros que descansan nas gasolineras Valcarce. Mondelo Hostelería subministra as súas creacións. O Pazo de Orbán luce a súa carpintería, e aínda hoxe continúan recuperando mobles para este espazo. E aínda que xa non exportan, si que traballan para outras empresas que o fan. As mesas, cadeiras ou estanterías de Freixo amoblan casas onde se falan outros idiomas, sen perder ese aceno de As Nogais que os caracteriza.

O nome da casa familiar de Alfonso Souto, a Casa do Freixo, xa semellaba piscar o ollo ao oficio. Hoxe, as súas mans parecen rematar de alisar os últimos mobles feitos no taller, unha mesa e unha estantería da súa madeira favorita, o freixo.

Os catro traballadores que integran esta empresa son da zona. Dous deles desempeñan o seu labor no taller, onde agora están facendo mobles para unha exposición temporal na capela de San Froilán, e para o albergue de peregrinos de Fonfría; os outros dous, transportan e montan os mobles neses lugares, e onde os reclamen. José Luis Marcos Carballo, que comparte a xornada con Alfonso, conta os día para o seu aniversario, 24 anos na empresa, o día 1 de xullo.

CAMBIOS NO OFICIO. Iso si, "houbo tempos mellores", indica Alfonso Souto. Cando transformou o taller do seu pai nunha empresa maior, no ano 1994, o 90 por cento dos pedidos eran de madeira maciza, esa que dá gusto acariñar coas mans, como a do freixo.

A empresa botou a andar no ano 1994, cando o 90 por cento dos pedidos eran de madeira maciza, que agora só supoñen o 10

Por suposto, a aparición de cadeas como Ikea deixouse notar no seu facer. Agora, estes pedidos redúcense a un 10 por cento, aos das empresas ou tamén particulares, sobre todo da provincia de Lugo, que seguen preferindo as vetas que debuxan os castiñeiros, cerdeiras e carballos que dende os aserradeiros galegos chegan a Nullán.

"Estamos a un paso da autovía", indica, restándolle importancia ao feito de traballar dende alí. Sen embargo, tamén sabe que é un resistente. A Casa do Freixo xa non está habitada, pero a súa madeira non se deixa abater facilmente.

Das súas paredes aínda colgan todas aquelas maquetas que deron forma a cabezeiros de camas ou cadeiras. "As curvas pasaron de moda, agora a xente quere todo recto", comenta, como influencia desas súper cadeas de mobles feitos en serie, iguais. Sen embargo, son moitas as curvas para chegar a Nullán e moi longo o camiño feito. "Cómpre resistir", afirma.

Comentarios