A loita independentista na diáspora

Fuco Gómez (Becerreá, 1895 - A Habana, 1972) foi un xornalista, escritor e político galego que pelexou pola consecución dunha República Independente dende a emigración. O seu labor dignificador da cultura e da lingua propias levou ao colectivo Patrimonio dos Ancares a preparar unha exposición na súa honra

É BEN SABIDO QUE Galicia non só se construíu de fronteiras cara dentro, senón que se estende alén dos marcos invisibles que alguén chantou en terra e mar. Esa prolongación do país débese á morea de persoas que viviron fóra —ou que se exiliaron, en boa parte— e que traballaron no estranxeiro a prol de Galicia e da cultura de seu. Fuco Gómez é un deses homes.

A historia de Francisco Gómez Gómez —ese é o nome completo— comeza na Montaña luguesa aló polo ano 1895. Nado en Montaña de Agra, na parroquia de Ouselle (Becerreá), con 18 anos xa embarcou como polisón nun navío que partía cara a Cuba. Xornalista, escritor e político, destacou sobre todo polo labor que desenvolveu arredor desta última faceta. A súa vida sempre estivo ligada aos círculos nacionalistas e independentistas. De feito, foi el quen fundou o Comité Revolucionario Arredista Galego (CRAG) no 1921, na Habana.

O movemento arredista —chamado así para distinguirse dos nacionalistas autonomistas— formulou por primeira vez a independencia galega e a loita contra o centralismo do Estado. A fin da ditadura de Primo de Rivera e mais da monarquía eran outros dos obxectivos fundamentais, sempre guiados polo propósito de proclamar a República Galega independente. Reivindicaban, principalmente, unha alianza con igualdade de dereitos entre as distintas nacións da Península. Ao proclamarse en España a II República, Fuco voltou a España coa arela de loitar pola independencia galega. O pouco apoio a esta iniciativa fixo que no 35 Gómez regresara á illa cubana.

Xa antes, este ilustre becerrego participara na constitución doutros colectivos galeguistas na diáspora. Estivo presente nos inicios da Irmandade Galega na Habana, na creación do Partido Autonomista Galego e na Xuntanza Nacionalista Galega. Así mesmo, tamén levou o topónimo de Becerreá ata terras nunca pensadas. Foi presidente da Sociedade de Instrución de Becerreá e o seu Contorno e, dende a organización, puxo en marcha iniciativas de carácter cultural e patriótico. Máis aínda: tamén presidiu a institución galega do Círculo Benéfico Cívico Social. E é que Fuco non só exerceu a defensa dos seus ideais a través dos fíos duros da política, senón que a escrita e a construción de iniciativas culturais sempre estiveron ben presentes no seu facer.

Independentista de esquerdas, admiraba a personaxes como Curros Enríquez, o cubano José Martí ou a Pi i Margall. Relacionouse, como non, con outras figuras galegas na emigración. Amigo de Xosé Neira Vilas, este autor ten contado como pasaban horas falando acerca de aspectos léxicos e ortográficos da nosa lingua. "Amalia, a súa doce compañeira, coruñesa, miúda, calada, sempre vestida de negro, observábanos dende algún recanto, matinando seguramente que o seu marido non era o único tolo", relataba Neira Vilas.

HIMNO. "Ao combate nos chama, bos galegos, / a meiga Terra que nos viu nazer. / Nant’s súas aras nós todos xuntos xuremos / vencer ufáns, ou groria morrer..." Estes versos son os que iniciaban o himno nacional galego que Fuco escribiu. Esa sorte de tolaría —se se lle pode chamar así— da que falaba Neira Vilas, levouno tamén a redactar un anteproxecto de Constitución para Galicia. Mesmo deseñou unha bandeira e un escudo para a súa soñada República.

RECOÑECEMENTO. O colectivo Patrimonio dos Ancares leva tempo reivindicando a figura deste becerrego. Hai anos, propúxose dedicarlle unha rúa a Fuco Gómez, pero o Concello rexeitou a idea alegando que era "pouco coñecido".

Co gallo de mudar isto, Patrimonio dos Ancares leva meses recompilando documentación arredor del para organizar unha exposición sobre a súa obra literaria e algunha charla sobre a súa traxectoria política e cultural.

O presidente da asociación, Xabier Moure, estima que a mostra se levará a cabo na tempada de outono. Adianta que procurarán implicar a institucións como o Concello e maila Deputación. Con este proxecto, din, buscan afastar do esquecemento a "unha das figuras máis importantes de Becerreá".

CIG. A Confederación Intersindical Galega (CIG) colocou hai uns anos un monolito na honra de Fuco Gómez a carón da igrexa de Ouselle, parroquia onde naceu. No monumento, unha praca visibiliza o labor deste “galego que loitou pola dignidade da súa terra”. O colectivo Patrimonio dos Ancares apoiou a homenaxe e reivindica, agora, un maior recoñecemento deste persoeiro de Becerreá.

PUBLICACIÓNS POLÍTICAS E LITERARIAS
Fuco Gómez fundou e editou o boletín mensual Patria Galega, do que foi director entre o 1941 e o 1961. Asentar as bases do nacionalismo en Cuba era o fin que o movía. Por esa razón, foron numerosas as colaboracións escritas con publicacións como A Fouce, Nós, Heraldo de Galicia, Eco de Galicia, Terra Gallega, etc. Os seus libros de ensaio máis coñecidos son Naciones ibéricas (1951) e Grafía galega (1926). Este último dedicoullo a Otero Pedrayo, a quen apreciaba polo seu labor galeguista.

Obras literarias
Amais dos seus artigos e ensaios sobre política, Fuco tamén firmou obras literarias. A Pastorelas (poesía) ou a novela A fala dos animás. En todas elas deixaba entrever o seu compromiso coa defensa da terra e da lingua.

A obra poética Pastorelas ou a novela A fala dos animás. Opúscaro de enxebreza (1937) son algunhas delas. Malia tratarse de ficción, sempre deixaba entrever o seu compromiso coa defensa da terra e da lingua. Un dos seus poemas, Louco d’Amor chegou a ser seleccionado pola revista The Ajax e traducido a oito idiomas.

Comentarios