A lingua da Fonsagrada, no Museo

O alumnado do IES da vila rexistrou, durante o curso pasado, o léxico propio desta zona da Montaña, e levou ao museo comarcal unha escolma das súas palabras máis queridas
Parte do alumano do IES da Fonsagrada, diante do Museo Comarcal. EP
photo_camera Parte do alumnado do IES da Fonsagrada, diante do Museo Comarcal. EP

Algunhas pérdense porque tamén se perde o seu uso, como "vasoiro", que era a vasoira específica coa que se varría a parte da casa de lousa ou de terra, ou "vasueiro", a que, feita de uces ou xestas, servía para varrer o forno. Outras si que están recollidas no dicionario da Real Academia Galega (RAG), pero cada vez se usan menos, como "mícaro", que é o xeito de chamar polo gato, ou "cazapelo", esa variña de acivro que servía para remexer as sopas de millo ou de trigo e que tamén nomea a quen non sabe estar quieto: "es un cazapelo!". E algo de cazapelos teñen os alumnos e alumnas do IES Fontem Albei da Fonsagrada, que durante todo o curso compilaron no libro dixital algunhas das palabras que dan brillo ao seu galego. De todas elas, ademais, cada estudante escolleu unha para levar ao Museo Comarcal da Fonsagrada, que as expón nun taboleiro nunha das salas.

Ademais de cazapelos, mícaros ou vasueiros, poden atoparse alí rateiras, xatos, churras, folgueiros, maseiras, cuadrís, carpiños ou argueiros, entre moitos outros nomes que dan forma á lingua desta zona. Delas, a que máis gustou aos participantes é duela, que aínda que no dicionario da RAG recolle outras acepcións, aquí se utiliza como base dunha cousa, o lugar que serve de apoio. "Para nós, a lingua é a nosa duela", comenta Gloria Fernández, impulsora deste proxecto no que contou coa colaboración de varios docentes. "A iniciativa busca poñer en valor a riqueza lingüística da Fonsagrada, e facelo fronte a unha normativización do galego que moitas veces esquece os trazos específicos de cada zona", di. "O noso obxectivo é que o alumnado se sinta orgulloso da súa lingua", indica, consciente da tendencia á homoxeneización que devén dunha normativización mal entendida.

"Esa normativización ten que estar na escrita, por suposto, pero o alumnado non pode considerar que fala mal por falar co seu galego", indica. Gloria Fernández leva anos traballando para que ningún neno e nena do IES teña esa sensación, para que os pantalois non deixen de selo por vergoña, para que o camiño non roube espazo ao camín. Gloria Fernández defende que esa variedade, esa lingua que varía en cada val, en cada barrio, en cada casa, é unha riqueza; que en realidade non hai unha lingua, senón tantas coma salivan dentro da boca, coma prenden a luz en cada casa, que a lingua sempre se debera pronunciar en plural.

Ao longo do curso pasado, os estudantes, sobre todo os de primeiro e segundo de Eso, que foron os que máis colaboraron, falaron cos pais e cos avós, e achegáronse ao Residencial Rois para tomar notas dese verbo que muda de Viero a Paradavella, de Logares a Padrón.

Levar as palabras ao museo foi un xesto simbólico para, en realidade, sacalas tamén de alí. Para que, cada persoa que visite este lugar, pendure a súa no taboleiro, a cambio de levar unhas cantas consigo, do taboleiro á boca. "As palabras existen só mentres as nomeamos", comenta Gloria, como tamén a realidade que elas sosteñen. As palabras, elas mesmas, son coma duelas, que fan xirar o mundo, que son quen de converter aos rapaciños de primeiro e segundo, en cazapelos.

Comentarios