Un libro para coñecer as árbores senlleiras dos Ancares e O Courel

Deputación e USC colaboran nunha obra na que se inclúen 16 novos exemplares que ata o de agora non estaban documentados
Raposo, Rigueiro, Porto e Gaspar. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Raposo, Rigueiro, Porto e Gaspar. VICTORIA RODRÍGUEZ

Arbores e formacións senlleiras na contorna dos Ancares e do Courel é un libro que xorde do traballo de campo realizado por José Gaspar Bernández, doutor en Investigación Agraria e Forestal, e Antonio Rigueiro, catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñería (SUC), para analizar, documentar e poñer en valor as árbores máis monumentais das serras dos Ancares e O Courel.

A obra, coa que colaborou na súa edición a Deputación de Lugo, e que onte foi presentada no Pazo de San Marcos, céntrase no estudo do patrimonio natural destas serras, que se debe conservar, pero tamén o seu valor como atractivo turístico, "nunha comarca tan xenerosa en valores naturais", segundo destacou Antonio Regueiro, coautor do libro.

Despois de analizar o que se entende por árbore ou formación senlleira, a publicación aborda o papel destes monumentos vexetais nesta contorna. Tamén ofrece información detallada dos doce exemplares que están incluídos actualmente no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, dous dos cales -os carballos de Quindous, danados por un temporal de neve en 2018 e que non se puideron recuperar- foron recentemente descatalogados.

Pero os autores do libro tamén fan referencia a outros tres exemplares que xa propuxeron para que pasen a formar parte do catálogo, como son unha árbore das trompetas no Incio, dous teixos en Noceda (O Courel) e un plátano de sombra en Dompiñor (O Incio).

José Luis Raposo incidiu na importancia de que a uiversidade colabore neste tipo de iniciativas e destacou a importancia destes monumentos naturais

Rigueiro tamén explica que no libro se fai referencia a outros cinco exemplares "que son merecedores de ser considerados árbores senlleiras e que se atopan repartidos entre os concellos do Incio, Samos e Triacastela".

Na última parte do libro tamén se inclúen outros 16 exemplares que non estaban ata o de agora catalogados e que chaman a atención pola súa singularidade.

PRESENTACIÓN. A presentación da obra tivo lugar onte no salón de actos do Pazo de San Marcos. En representación do goberno provincial estiveron o deputado de medio ambiente, José Luis Raposo, e a deputada de réxime interior, Pilar García Porto.

Na súa intervención, José Luis Raposo incidiu na importancia de que a uiversidade colabore neste tipo de iniciativas e destacou a importancia destes monumentos naturais, "porque unha árbore senlleira é o mesmo que un Ben de Interese Cultural, é un monumento da natureza que hai que coñecer, protexer e coidar".

Comentarios