Raposo: "Se a residencia non chega a funcionar irei a onde faga falta e buscarei responsables"

Oito mandatos de maiorías absolutas avalan a xestión do alcalde de Pedrafita, quen recoñece que a constancia e o traballo diario son o seu segredo. O Camiño e o turismo son os motores do municipio e por iso emprégase a fondo por adecentar cada recuncho. A espiña que ten clavada é a apertura do centro de maiores, polo que leva tempo pelexando

COS SEUS 63 anos de idade José Luis Raposo leva máis de media vida a fronte do Concello de Pedrafita do Cebreiro. Tres décadas de implicación a prol do seu municipio, sen descanso e moito traballo, pero coa satisfacción de sentir o apoio dos seus veciños e o orgullo do traballo ben feito.

Que balance fai deste mandato.
Moi positivo. En Pedrafita temos un sistema de funcionamento no que a maior parte dos traballos se fan a través da administración local: recollemos o lixo, encargámonos do alumeado, o alquitranado dos viais... Ademais damos traballo a boa parte dos veciños para fixar poboación. O Concello é a empresa principal de Pedrafita, pois adicamos máis de 800.000 euros en salarios. En canto a proxectos estou orgulloso da rehabilitación integral dos núcleos que estamos levando a cabo.

Actualmente en que están traballando desde o goberno local?
Entre outras actuacións, estamos mellorando Louzarela e pretendemos renovar todos os núcleos, dos que xa rehabilitamos o 60%. Os traballos fanse con pedras reutilizadas e damos unha volta integral a todo o espazo, desde habilitar un espazo de contenedores, ata renovar os bens patrimoniais.

Como afronta a grave crise demográfica que afecta ao rural?
A despoboación é un grave problema e hai que tomar medidas urxentes. O relevo xeracional está difícil e o turismo e o Camiño serán os que nos vaian salvando. Creo que o fundamental é coidar o territorio para que calquera persoa que veña ao municipio lle quede ganas de volver e niso traballamos, adecentando e limpando cada recuncho de Pedrafita.

Cando abrirá a residencia?
Cada vez que paso diante dame dor de cabeza e penso se non haberá algún xulgado que tome man disto. Leva tempo rematada, invertiuse moito diñeiro e agora está coas luces prendidas gastando e deteriorándose. Cando a abran haberá que refacela. Na Deputación están facendo residencias por todos os lados e aínda non funciona nin a primeira. Suplusa é un chiringuito que nin sei para que se creou e dígoo moi claro, todos os grupos provinciais son partícipes desta desvergonza. Ao presidente da Deputación tocoulle un papel complicado, pero habería que cortar polo sano. Desde o Concello ofrecín poñer parte para que o centro abra, pero nin así. Teño a maiores índose a outros municipios e cando se poña en marcha xa non haberá xente. É desolador e o que está claro é que se non chega a funcionar buscarei responsables e acudirei a onde faga falta.

No 2021 celébrase o Ano Santo. Agárdase unha gran afluencia de peregrinos?
Para nós todos os anos son santos, pois cada vez veñen máis peregrinos. O noso traballo é constante pois estamos volcados ao 100% co Camiño. Fixemos melloras moi importantes no Cebreiro, desde o alumeado ou a mellora do pavimento. Colocamos a estatua da peregrina, que tivo moi boa acollida. Temos tamén un proxecto subvencionado por Fomento de máis de 730.000 euros para mellorar o núcleo de Fonfría. O Camiño é o noso motor, pasa por cinco núcleos e se pasara pola maioría non falariamos de despoboación.

A Xunta anunciou unha actuación para restaurar O Cebreiro. Cando arrancarán as obras?
Hai moita neve enriba das pallozas para que comecen aínda, pero en canto se poida arrancarán. É unha inversión importante e estou moi satisfeito.

Poderase habilitar un novo aparcamento no entorno?
Solicitámosllo a Patrimonio pero esixen unhas normas moi estrictas. Aparcamento fai falta no inverno, porque no verán hai, pero o tema está difícil. Hai que ter en conta que o Cebreiro é patrimonio cultural europeo e os técnicos son os que saben o que hai que facer.

Optará á reeleción?
Se me atopo en bo estado de saúde si. O non parar pasoume factura.

Está a piques de rematar o mandato, quedaralle algo pendente?
O traballo dun alcalde non se acaba nunca. Teño na cabeza moitos proxectos, pero o prioritario se sigo será habilitar vivendas para que a xente poida vir a traballar ao noso municipio, porque estamos tendo problemas para atopar a persoas de axuda no fogar porque non teñen onde quedarse.

MOI PERSOAL
"Montar nunha máquina quitaneves distráeme moito"

Que é o mellor de ser alcalde?
Que vas por moitos lugares e a xente te recoñece por boas labores. Iso é moi satisfactorio.

E o peor?
Que lle dou moitas voltas á cabeza, durmo pouco, e pásame factura.

É certo que nunca colleu vacacións?
É certo (ri). Unha vez me regalaron un viaxe e fun obrigado. Na casa teñen moita paciencia comigo.

Que aficcións ten?
Teño moi pouco tempo libre pero intento pasear unha hora ao día, como me mandou o médico. Co traballo tamén me distraigo, sobre todo coa maquinaria, é unha tolura pero non podo parar.

Cal é o segredo para manter as estradas impecables coas copiosas nevadas que caen en Pedrafita?
Con moita dedicación e constancia. Cando cheguei ao Concello o parque móbil estaba baleiro e hoxe o que temos suma máis de 700.000 euros, que require dun mantemento. Por iso estou moi pendente de todo. Vou a nave diariamente a repartir o traballo, saio pola mañá e chego pola noite á casa. Fun mecánico de obras públicas e moitas das avarías as arranxo eu. Tamén me mollo cando os operarios se mollan. Ademais teño un equipo moi competente e todo este esforzo ten resultados moi positivos.

É un apaixoado da neve...
Funo sempre, encántame. Na empresa na que traballei ás veces iamos Luis, o tenente alcalde, e eu sacar neve e vivimos moitas historias. Montar nunha quitaneves distráeme moito, chego mallado, pero novo mentalmente.

Curiosidades
A feira do gando e do queixo do Cebreiro


Se hai dúas citas ineludibles en Pedrafita son a Feira do Queixo do Cebreiro e a do gando vacún. Ambas con máis de tres décadas de antigüedade, impulsadas polo actual goberno local, que reportan gran impacto económico para a vila debido a gran afluencia de xente que congregan.

A Feira do Queixo do Cebreiro foi declarada de Interese Turístico Galego e celébrase en Semana Santa desde o 1987. Este queixo fresco está considerado como un dos máis exquisitos do país. Pola súa banda, a do gando ten lugar a mediados de setembro e reúne no municipio a centos de exemplares de gran calidade.

Porta do Camiño
O conxunto etnográfico do Cebreiro é a porta de entrada do Camiño Francés en Galicia. Milleiros de peregrinos pasan anualmente por esta aldea que alberga pallozas tradicionais da montaña lucense. A lenda do milagre do Santo Grial deulle ao Cebreiro gran popularidade, tanto que se converteu no epicentro da actividade do municipio.

*Fotografía de Victoria Rodríguez 

Comentarios