José Fernández: "A traída de auga é necesaria; se non a fai a Xunta como prometeu, asumirémola nós"

Chegou ao concello de Navia de Suarna hai case unha década e as súas prioridades foron dotar de servizos todos os núcleos do municipio. José Fernández amósase orgulloso das prestacións conseguidas e segue traballando para lograr proxectos como a posta en marcha da residencia da terceira idade ou unha nova captación de auga para A Proba

O alcalde de Navia, José Fernández. J.VÁZQUEZ
photo_camera O alcalde de Navia, José Fernández. J.VÁZQUEZ

LOITAR CONTRA a despoboación e lograr que se reforce a atención sanitaria son as principais necesidades que actualmente ten Navia e polas que o seu rexedor leva tempo loitando. José Fernández encara a recta final deste mandato con ganas de seguir traballando e optará á reelección para conseguir novos servizos para os veciños.

Chegou ao Concello hai unha década. Cales foron as prioridades?

A primeira foi dar servizo a todos os núcleos do municipio, sobre todo en alumeado, traídas de auga e vías de comunicación. Hoxe en día podo dicir orgulloso que en todos os lugares nos que vive xente contan con estas prestacións.

En que fase se atopa o PXOM?

Atópase en fase de aprobación inicial e o noso propósito e comezar canto antes a estudar as alegacións que se presentaron, unhas 70. É un tema que levamos tempo pelexando para sacar adiante pero co cambio constante de normativas é compricado de resolver. Gustaríanos que se axilizasen os procedementos burocráticos. Agora estamos á espera dos informes sectoriais de Xunta para poder responder as alegacións.

A residencia é outro dos temas pendentes, cando ten previsto abrir as súas portas?

A obra xa está terminada desde este verán e estamos en proceso de equipala para proceder a pedirlle o permiso de inicio de actividade (PIA) á Xunta, procedemento que fai Suplusa. A nosa prioridade é poñela en funcionamento canto antes, pero por desgraza vemos un futuro incerto polos problemas existentes entre Suplusa e a Deputación. Non obstante, agardamos que antes das próximas eleccións no mes de maio de 2019 se solucionen estes malos entendidos e poida entrar en funcionamento. Conta con 22 habitacións dobres e 20 prazas de centro de día.

As queixas dos veciños sobre a turbidez da auga son constantes. Para cando a nova traída?

No ano 2009 tiñamos un compromiso da Xunta para facer unha nova captación desde un manancial para non ter que depender do bombeo do río. Elaborouse un proxecto cun orzamento de 670.000 euros que foi entregado a Augas de Galicia. Porén, coa chegada do PP á Administración autonómica caeu en caixón roto. Desde o Partido Socialista no Parlamento presentaron unha emenda aos Orzamentos para que se inclúa esta obra.

Contempla algunha alternativa?

Si, se a Xunta non inclúe este proxecto nas súas contas e non nos fai a nova captación como prometeu, asumirémola desde o Concello, aínda que non sexa tan ambiciosa como a inicial porque non podemos facernos cargo dun custo tan elevado. Pediremos axuda á Deputación, que ao fin e ao cabo é a única administración que se compromete e axuda a concellos pequenos que non son do PP.

A despoboación é un dos grandes problemas aos que se enfronta o municipio. Que se pode facer?

Este é o problema máis grave que temos os municipios do rural. É algo que desde os concellos non podemos afrontar porque é un tema de política a nivel autonómico, estatal e incluso europeo. Hai que levar a cabo canto antes medidas dedicadas á montaña. Ordenar o territorio, aproveitar os recursos e impulsar que haxa actividade para que a xente se quede é fundamental, pois tal e como está agora estruturado o rural morrerá.

Quédalle algunha espiña cravada?

Creo que quedará pendente a aprobación do PXOM, un documento fundamental para un concello. O resto de actuacións que Navia necesitaba fixéronse, como a residencia ou o principal vial de comunicación que leva a Becerreá.

Que necesidades ten Navia?

O máis importante son as carencias en saúde. Temos un só médico e non é suficiente. A poboación está envellecida e hai unha necesidade de atención importante.

En que actuacións está traballando actualmente?

Agora mesmo estamos levando a cabo un proxecto para mellorar a imaxe da Proba, traballando no centro da vila para adecentar o contorno, e tamén estamos pavimentando a estrada que vai de Navia á Fonsagrada.

Ten previsto optar á reelección?

Si, a xente apóiame e iso dáme forzas para seguir.

"Todos os anos vou a Cataluña, a onde emigrei con 18 anos"
Que lle gusta facer no tempo libre?

Gústame ir de caza, aínda que non teño demasiado tempo libre. Son un afeccionado da caza maior, porque imos en pandilla e pasámolo ben.

Navia é un concello moi frecuentado polos afeccionados á pesca. É pescador?

Si, tamén son pescador. Navia é unha moi boa zona para este deporte, vin moitas troitas moi grandes que saíron do noso río.

Cal foi a última viaxe que fixo?

Todos os anos vou un par de veces a Cataluña, porque con 18 anos tiven que emigrar a Barcelona para buscar traballo e gústame ir para reencontrarme con amigos e recordar vellos tempos. Estiven ata os 25 anos fóra de Galicia e quédanme moitos recordos.

Se tivese que escoller o sitio máis fermoso do concello, cal diría?

Este municipio ten moitos recunchos moi fermosos, é compricado quedar só con un, pero diría a propia vila, que é un reclamo polas edificacións antigas, o río e o contorno que ten.

É amigo persoal de Manuel Martínez. Como viviu a súa saída do PSOE?

Son bo amigo de Manolo, é unha amizade persoal de moitos anos, non ten que ver coa política. A situación que se rexistrou vivina con moita tristeza porque non agardaba que se producise un desencontro así. Sempre intentei que houbese unha boa relación dentro do partido e penso que os desencontros vividos prexudicaron a todos os votantes e, en xeral, a toda a provincia.

Comentarios