miércoles. 20.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.01.2021
El tiempo

Ilustrar dende o territorio

Ana Santiso, coa súa pequena, Ulla. DAVID VIDAL
Ana Santiso, coa súa pequena, Ulla. DAVID VIDAL
A artista Ana Santiso, asentada na aldea becerrense de Vilar de Cancelada, deu formas, paisaxes e rostros a ‘Alba de Groria’, o derradeiro discurso pronunciado por Castelao no exilio arxentino, que vén de saír do prelo da man da editorial Galaxia.

As ilustracións que Ana Santiso realizou para a Alba de Groria de Castelao ondean. Soldados, cregos, trobadores, xograres, Eteria, Prisciliano, Xelmírez, Pardo de Cela, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Manuel Antonio... "e as ánimas sen nome que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o feito diferencial de Galicia", cita do texto ela, como unha das frases máis queridas deste libro que vén de saír do prelo da man da editorial Galaxia.

As figuras desa particular "Santa Compaña de inmortaes galegos" que o pai do nacionalismo no país soñou no seu derradeiro discurso entrecrúzanse, coma as montañas dende Vilar de Cancelada. Ana Santiso, que naceu en Touro no 1981, vive alí dende hai dous anos, canda o escultor Inazio Abrao e, dende hai poucos meses, a pequena Ulla. Alí comprende cada día esa diferenza entre historia e tradición que Castelao trazou no Teatro Argentino ante centos de galegos emigrados no festival do Centro Gallego de Buenos Aires con motivo da celebración do Día da Patria de 1948. Si, é alí onde entende esa diferenza.

Cúmprese un centenario da fundación do Grupo Nós, e para Santiso, Castelao é unha das súas figuras máis castigadas. "Viviron unha grande decepción, e a historia foi moi inxusta con esa xeración", comenta. O exilio e a longa ditadura fixeron del unha figura "reducida á superficie" nesta beira do Atlántico. Esa foi algunha das ideas que hai poucos días comentou no restaurante María Castaña, en Compostela, o lugar mandado por excelencia para esta presentación. Foi o restaurante quen lle encargou, hai xa varios anos, ilustrar esa Alba de Groria. É alí de onde penden os orixinais de tinta chinesa que teñen dado pé a tantas discusións sobre se esas mulleres son Inés e Xoana de Castro, ou se tal outro é o Padre Sarmiento.

Ana Santiso elaborou as ilustracións a petición do restaurante María Castaña, en Compostela, onde penden as orixinais

Para ilustrar este libro, Ana Santiso asumiu un importante labor de documentación, para caracterizar as ducias de figuras que se resisten a morrer no soño do político, dende Prisciliano a Alexandre Bóveda. Pero, se o debuxo non é suficiente para recoñecelas, o libro conta cun apartado chamado Estadea onde Xesús Domínguez Dono ofrece unha breve nota sobre cada unha.

"Elas son as que humanizaron a nosa terra patria infundíndolle a tódalas cousas que na paisaxe se nos amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteísta", cita Ana Santiso como outra das súas frases favoritas do texto. É que o outro elemento das ilustracións é a terra, entrecruzada. Vemos de lonxe o Pico Sacro e noutras páxinas semellan aparecerse os montes de Becerreá dende Vilar de Cancelada. A tradición. "Iso séntese aquí, porque é a xente do rural quen lle deu forma á paisaxe, e por iso penso que é tan importante manter o rural vivo", indica.

Ela tomou a decisión de vivir no rural hai anos, e de maneira vencellada a facer sostible o seu traballo artístico. Dende Vilar de Cancelada dedícase á ilustración, e alí sempre volve cando ten que facer algún traballo fóra como muralista. Agora, alí, tamén decidiu ser nai. "Conto cun bo equipo", di. E con moita forza. Dela, dalgún xeito, tamén falou alguén no ano 1948.

Toda a forza dun trazo 
Ana Santiso é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, e obtivo o título de técnica superior en ilustración na Escola Massana de Barcelona. Iniciou a súa andaina como ilustradora no ano 2010, e dende entón ilustrou preto dunha vintena de títulos con diversas editoriais galegas. 

Muralista 
Como muralista, Ana Santiso realizou intervencións en toda Galicia, especialmente en zonas rurais. Un dos seus últimos traballos foi o de recrear a vida da aldea de Muñís, en Navia de Suarna, no seu lavadeiro, nun mural que recolle os retratos de moitos veciños. Tamén, no mes de xuño, no IES Agra de Raíces de Cee pintou un mural inspirado nas fotografías que Ruth Matilda Anderson tomou das mulleres do monte Pindo. 

No pasado mes de novembro, Santiso gañou o 'Combate mural de Lugo' cunha obra sobre a maternidade. Agora, prepárase para pintar o seguinte mural no CPI Poeta Uxío Novoneyra, no Courel. 

Rente ao Couce 
A chegada de Ana Santiso a Becerreá tamén coincide coa posta en marcha da asociación Rente ao Couce. "No rural somos poucos, pero xuntámonos, e de aí saen cousas boas", indica. 

Unha desas últimas iniciativas foi a recuperación da Feira do 12 no municipio, celebrada o pasado 12 de decembro, e onde o libro de Ana Santiso foi un dos moitos produtos da terra expostos no lugar.

Ilustrar dende o territorio
Comentarios