O IES da Fonsagrada, entre os gañadores dos segundos premios #DígochoEu

Tamén recibiu unha distinción especial do xurado o vídeo enviado polo CEIP de Quiroga

Alumnos asistentes ao acto deste martes. CRTVG
photo_camera Alumnos asistentes ao acto deste martes. CRTVG

Centros educativos e institutos de A Fonsagrada, Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Cangas e As Neves foron os distinguidos na segunda edición dos premios #DígochoEu de vídeos en galego que promove a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). 

Máis de 700 alumnos de 20 colexios asistiron na tarde deste martes a unha gala celebrada na Cidade da Cultura, na capital galega, e que estivo presentada pola xornalista Esther Estévez, que dirixe o proxecto Dígocho Eu. Ao evento asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que tamén forma parte do xurado. 

Na categoría de Educación Primaria, resultaron premiados os vídeos presentados polo CEIP Ramón Cabanillas de Santiago, coa distinción de ouro; o CEIP Plurilingüe de Ponzos de Ferrol, coa de prata; e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Praceres de Pontevedra, coa de bronce. 

En Secundaria, o #DígochoEu de ouro foi para o IES Monte Carrasco de Cangas, seguido do IES Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada, que levou o de prata; e o EFA A Cancela, das Neves, que gañou o de bronce.

Outros galardóns

Así mesmo, recibiron premios especiais do xurado os vídeos enviados polo CEIP de Quiroga, na categoría de Primaria, e polo IES Nº1 da Estrada, na de Educación Secundaria. 

Público asistente ao acto deste martes. CRTVG
Público asistente ao acto deste martes. CRTVG

Tamén se resolveu o concurso Unha canción para Esther, entre os cinco grupos finalistas. O primeiro premio foi para King Kids, co tema Dígocho Eu. En segundo lugar quedou Olimpíadas rurais, de Diego de Braelle, seguido de Mentiras que o lume prendeu, de Chamaquito Pistolas; Río, de Rhome; e Dáche igual, de Hydn e Chris Indian. 

A gala emitirase pola Televisión de Galicia este mércores, Día das Letras Galegas, ás 12,00 horas. O acto contou coa colaboración da Xunta e de Gadis.

Comentarios