O IES de Becerreá poderá impartir as optativas sen trabas o vindeiro curso

O centro recibiu a confirmación da Xunta logo dun curso de manifestacións que "deron resultado", segundo o director
Asistentes a la concentración del IES de Becerreá. EP
photo_camera Asistentes a una concentración del IES de Becerreá. EP

O instituto de Becerreá ofertará o vindiero curso as optativas de antropoloxía e francés, que a Consellería de Educación decidira recortar no curso pasado. O centro fixo unha petición expresa para poder impartir as dúas materias, e finalmente chegou a tan esperada nova. "A xefatura territorial enviounos a resolución expresa que nos autoriza a impartir esas dúas materias", explica o director do IES, Fernando Cerecedo, que cre que "o ano pasado dábanse as mesmas ou mellores condicións ca este", polo que Cerecedo pensa que "as protestas deron o resultado esperado"

O director do centro considera que esta decisión responde "á reacción do IES de Becerreá o curso pasado ante tal despropósito, que foi unha gran forza ante esta situación", xa que recorda que o curso pasado comezou con "vontade de cinco alumnos de cursalas", requisito que pide a Consellería para poder impartir a materia. Ademais o director sinala que "había unha profesora fixa de francés, e non se lle pedía un recurso humano extra á Consellería".

O proceso para conseguir esta resposta foi longo. Fernando conta que fixeron manifestacións con periodicidade mensual durante todo o curso, e tanto os alumnos como os exalumnos do reinvindicaron os seus dereitos ante esta situación. Unha das iniciativas que levaron a cabo foi a realización dun vídeo no que pedían "xustiza ante a desvantaxe que sofren os alumnos do rural".

Nas redes sociais, Antón Bao, docente do centro, foi o primeiro en dar a nova e agradeceu "a toda a comunidade educativa que se mobilizou durante todo o curso", así como ás entidades e persoas que apoiaron esta loita.

contexto. Unha das entidades que loitou polo mantemento dos servizos no centro foi Fapacel, a Federación de Anpas da provincia de Lugo. A súa presidenta, Isabel Calvete, celebraba onte a nova, á vez que lembraba a situación pola que pasan outros centros da provincia.

"No IES de San Clodio quitáronlles como mínimo un profesor e pasarán a estar catro cursos nunha soa clase. Por outra parte, en Cervantes aínda non sabemos os profesores que vai haber o curso que vén", comenta. Isabel sinala que mandaron dous escritos á Consellería preguntando se haberá máis recortes, á parte dos esperados, e de novo fai unha reflexión para sinalar que "non é xeito de tratar ao alumnado do rural, desta forma está a perigar o ensino", comenta.

Comentarios